Vilalba reorganiza o estacionamento na rúa da Revolta con 80 prazas para turismos

O Concello de Vilalba vén de completar unha actuación de reorganización do estacionamento na rúa da Revolta, nas proximidades do centro de saúde, coa delimitación de 80 prazas de aparcamento para turismos ao longo dos dous marxes da vía.
A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, comprobaron o resultado dunha intervención que permite ordenar e optimizar un espazo que xa viña sendo empregado para o estacionamento, adaptándoo ao uso maioritario que realizan diariamente os vehículos lixeiros.
A actuación consistiu na sinalización horizontal e na delimitación de prazas de 5,20 metros de lonxitude, unha medida que permite organizar mellor o estacionamento e aproveitar de forma máis eficiente a superficie dispoñible, incrementando a capacidade para turismos sen necesidade de ampliar o espazo existente.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que "esta é unha desas actuacións que demostran que, con planificación e unha boa organización do espazo público, tamén se poden conseguir melloras para a veciñanza".
Rouco explicou ademais que "o obxectivo é seguir revisando diferentes puntos da vila para introducir melloras que fagan máis cómodo o día a día da cidadanía, aproveitando mellor os recursos e as infraestruturas coas que xa contamos".
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, sinalou que esta actuación responde ao traballo que se está a desenvolver desde a concellería para mellorar progresivamente a funcionalidade dos espazos urbanos. "Analizamos de maneira continua como se utilizan os distintos espazos públicos para adaptalos ás necesidades reais da veciñanza e conseguir que resulten máis prácticos e eficientes", indicou.
Con esta intervención, o Concello continúa impulsando actuacións de mellora da ordenación urbana, apostando por solucións que permitan optimizar os espazos públicos e facer máis funcional o seu uso no día a día.