Vilalba repartirá desde este luns máis de 4.000 gafas homologadas para observar con seguridade a eclipse solar

O Concello de Vilalba iniciará este luns 27 de xullo o reparto gratuíto de máis de 4.000 gafas homologadas para que a veciñanza poida seguir con total seguridade a eclipse solar prevista para o próximo 12 de agosto.
As persoas interesadas poderán recollelas no punto de información da Casa do Concello, en horario de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, ata esgotar existencias.
Segundo informou o Concello, parte das gafas foron adquiridas pola propia administración local, a través da Alcaldía e da Concellería de Medio Ambiente, mentres que o resto foi facilitado pola Deputación de Lugo. O obxectivo é que toda a veciñanza poida desfrutar deste fenómeno astronómico coas máximas garantías de seguridade.
Desde o Concello lembran que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada, xa que pode provocar lesións graves e irreversibles na vista, mesmo cunha exposición de poucos segundos.
Con esta iniciativa, o Concello de Vilalba busca facilitar que o maior número posible de persoas poida contemplar un dos acontecementos astronómicos máis agardados do ano de forma segura e responsable.