Vilalba revisará o inventario de camiños para resolver as 59 alegacións presentadas pola veciñanza

TerraChaXa
O Concello contrata unha empresa especializada para analizar cada recurso e actualizar o documento co obxectivo de ofrecer maior seguridade xurídica aos propietarios
VILALBA vicerretoria
6 Aug 2026

O Concello de Vilalba iniciou o proceso para revisar o Inventario de Camiños Municipais co obxectivo de dar resposta ás numerosas alegacións e recursos presentados pola veciñanza desde a aprobación definitiva do documento, en outubro de 2023.

O vicealcalde e responsable de Urbanismo, Modesto Renda, anunciou a contratación da empresa especializada Procat Ingeniería, que asumirá os traballos por un importe de 11.071,50 euros. Segundo explicou, a decisión responde á necesidade de ofrecer 'seguridade xurídica' ás persoas afectadas e resolver de maneira individualizada todas as solicitudes presentadas.

O inventario, elaborado durante o anterior mandato, acumulou numerosas peticións de modificación, polo que o Goberno local considera necesario revisar o documento con criterios técnicos e legais antes da súa actualización definitiva.

A empresa adxudicataria analizará de forma individual as 59 alegacións e recursos rexistrados. Para iso revisará toda a documentación achegada polos interesados, así como a información cartográfica, catastral, histórica e administrativa dispoñible. O traballo culminará coa elaboración dun informe técnico para cada expediente, no que se propoñerá a estimación, desestimación ou modificación de cada solicitude.

Unha vez que os servizos técnicos municipais e os órganos competentes resolvan os expedientes, o Concello procederá á actualización integral do Inventario de Camiños Municipais, incorporando os cambios tanto na documentación escrita como na cartografía e nos planos.

A última fase do proceso incluirá a actualización da aplicación informática municipal que xestiona o inventario e do visor web dispoñible na páxina do Concello, co fin de garantir que toda a información pública coincida coa versión definitiva aprobada.

Segundo sinalou Modesto Renda, o obxectivo é que Vilalba dispoña dun inventario de camiños 'rigoroso e á altura das necesidades da veciñanza', elaborado mediante un procedemento técnico e legal que permita resolver con garantías todas as reclamacións presentadas.

0.12522006034851