Vilalba sitúase entre os concellos galegos con mellor xestión económica e sen débeda municipal

TerraChaXa
O último informe do Consello de Contas coloca ao municipio no nivel máis alto de control interno entre os concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes
concello-de-vilalba
12 Aug 2026

O Concello de Vilalba figura entre as entidades locais de Galicia con mellor xestión económica, segundo recolle o último informe do Consello de Contas de Galicia sobre o entorno de control das administracións locais. O municipio chairego acadou o nivel máis alto de madurez do sistema de control interno, a máxima cualificación establecida polo organismo fiscalizador.

Dentro do grupo de concellos con entre 10.000 e 20.000 habitantes, só oito municipios alcanzan esta categoría, polo que Vilalba forma parte do 25 % das administracións locais mellor valoradas neste indicador.

A esta valoración súmase a situación financeira do Concello. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, a administración local pechou o exercicio 2024 con cero euros de débeda viva. Entre os oito concellos da súa categoría que obtiveron a máxima cualificación en control interno, unicamente Vilalba e Fene presentan unha situación de débeda cero.

O Concello destaca que estes datos reflicten unha xestión baseada na planificación, o control dos recursos públicos e o mantemento dunhas contas saneadas. Neste sentido, subliña que a estabilidade financeira permitiu compatibilizar o equilibrio orzamentario co mantemento dos servizos públicos e das políticas sociais.

Con máis de 14,3 millóns de euros de orzamento para este ano 2026, Vilalba continúa desenvolvendo actuacións e investimentos sen recorrer ao endebedamento, consolidando unha situación económica que o sitúa entre os municipios galegos mellor posicionados no ámbito da xestión financeira.

Segundo o informe do Consello de Contas, a maioría das entidades locais galegas presentan carencias en materia de planificación e supervisión interna, unha situación da que se desmarca o Concello de Vilalba ao acadar a máxima puntuación neste apartado.

0.12414503097534