Vilalba únese aos concellos que esixen unha negociación á Xunta sobre o canon de Sogama
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, advirte “do grave impacto sobre o orzamento municipal do ano 2025 que terá a subida do canon de Sogama anunciado pola Xunta de Galicia”, unha decisión unilateral do goberno galego “que unha vez máis afoga a economía dos concellos”.
Rouco únese aos numerosos alcaldes e alcaldesas de toda Galicia que esixen “unha rectificación e unha negociación cos concellos, xa que o incremento é desproporcionado”.
A Xunta anunciou hai uns días un canon único e incrementado para todos os concellos, que no ano 2025 pasará de 66 euros por tonelada de residuo a 108 euros. No caso de Vilalba, esta subida suporá pasar de pagar uns 340.000 euros a 560.000 euros.
Esta decisión únese á que tomou a Xunta no mes de xuño, cando fixo pública a intención de Sogama de suprimir a bonificación do 15% aos concellos que reciclaban de forma correcta.
“O imposto estatal ao que fan referencia para xustificar a decisión non foi creado polo Goberno central, é un imposto derivado dunha Directiva europea que xa se aplica na maioría dos países europeos en determinadas situacións”, lembra a alcaldesa.
Este imposto grava en concreto a incineración e o depósito en vertedoiro, "as fórmulas que usa Sogama de forma prioritaria, en contra de todas as recomendacións europeas e en vez de apostar por un plan de residuos que fomente a reutilización e a reciclaxe".
“A viabilidade dos concellos está en risco e esta medida agrava a situación, non podemos continuar así, cando ademais no caso de Sogama o 49 % está en mans privadas”, remata Rouco, que demanda “diálogo e atopar solucións para que non sexan os concellos os que afrontan esta subida”.