Vilalba viviu unha nova Festa do Queixo cun gran éxito de público

TerraChaXa
Vilalba viviu durante a xornada de hoxe o día grande da Feira do Queixo, na que estiveron representantes das distintas administracións públicas, que destacaron o papel destacado deste produto vilalbés.
festa do queixo vilalba 20243
6 Abr 2024

Vilalba viviu durante a xornada de hoxe o día grande da Feira do Queixo, na que estiveron representantes das distintas administracións públicas, que destacaron o papel destacado deste produto vilalbés.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou esta tarde “a importancia do queixo San Simón da Costa na historia do noso concello, un produto cada vez máis premiado e máis internacional sen perder a súa esencia e a súa orixe”.

Rouco interviu no acto do pregón da festa do queixo San Simón da Costa, que nesta ocasión correu a cargo do actor e humorista Sergio Pazos. Esta cita gastronómica e festiva cumpre a edición número 28 e continuará na xornada de mañá na praza da Constitución de Vilalba.

“Sen dúbida esta festa é unha das citas máis especiais do ano para os vilalbeses e as vilalbesas, dous días de exaltación dun dos nosos produtos estrela, uns queixos que son un exemplo inmellorable do gran traballo do sector primario local, da nosa xente e do noso rural”, afirmou Rouco.

“Cando falamos do queixo San Simón, falamos de tradición, de afumados e de tempo de curación, pero tamén dun sector cun impacto importante na economía e no tecido empresarial e social de Vilalba”, engadiu a alcaldesa.
Rouco agradeceu o traballo de todas as queixerías, especialmente das sete ubicadas en Vilalba: Don Crisanto, Don Gabino, Prestes, Catadoiro, Cas Leiras, As Fontelas e Daniberto.

“Un agradecemento que quero facer extensivo á Asociación de Queixeiros de San Simón da Costa e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa pola organización desta festa xunto ao Concello de Vilalba”, afirmou.

“Quero agradecer tamén a colaboración de todos os vilalbeses e vilalbesas, que en festas como esta amosan que somos un pobo moi acolledor, e dar a benvida aos milleiros de persoas que pasarán por Vilalba hoxe e mañá, unha xornada dominical que coincidirá ademais coa feira mensual de Vilalba”, rematou a alcaldesa.

Isabel Rodríguez enxalza a Feira do Queixo de San Simón como principal escaparate deste produto emblemático da Terra Chá, felicitando aos queixeiros polo seu quefacer tradicional. Puxo en valor o traballo dos queixeiros e queixeiras no mantemento desta industria tradicional, facendo evolucionar o sector gandeiro coa modernización e reconversión das explotacións, pero conservando os procedementos que permiten a elaboración deste produto único.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, destacou a importancia desta cita gastronómica que exalta un produto de gran calidade apreciado en todo o mundo, e que producen 376 ganderías inscritas na Denominación de Orixe Protexida.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos, puxo en valor a potencialidade do sector agroalimentario galego, de gran calidade e recoñecido con numerosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, como é a DOP Queixo de San Simón da Costa. Galicia conta con 36 destes selos de calidade diferenciada, aos que se lle suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria, para confeccionar as experiencias de calidade que inclúen estes produtos.

Pola súa banda, a deputada nacionalista Olalla Rodil declarou que “Vilalba ten un potencial inmenso para a transformación de produtos do sector primario, a nosa gandaría é referencia, e debemos impulsalos para acadar ser a referencia da produción de alimentos da Terra Chá”.

O PROGRAMA

O acto central do programa foi a lectura do pregón, pero tamén destacaron outras actividades como talleres de cociña para os pequenos, e unha cata maridaxe para adultos.

Entregáronse despois do pregón os premios da proba BTT desenvolvida durante a xornada e pechouse a noite cun concerto de The Rapants. Xa pola mañá tocou Buxos Verdes.

0.14385604858398