Vilalba volve convocar o concurso de escaparates de Nadal

TerraChaXa
Os tres mellores escaparates recibirán de premio 600, 400 euros e 200 euros
concurso-escaparates-vilalba
28 Nov 2024

A concelleira de Comercio de Vilalba, Mª Xosé Fernández, anunciou a posta en marcha dunha nova edición do Concurso de Escaparates de Nadal, unha iniciativa que busca promover a actividade comercial local e crear un ambiente festivo nas rúas da vila e das parroquias.

Os establecementos comerciais interesados poderán inscribirse ata as 14:00 horas do 13 de decembro enviando un correo electrónico a cultura@vilalba.es. Para formalizar a inscrición, será necesario cubrir unha folla dispoñible tanto na web municipal (www.vilalba.gal) como na oficina de Cultura. Ademais, deberán achegar unha fotografía do escaparate, que será publicada nas redes sociais do Concello para a votación popular.

Os escaparates participantes deberán permanecer decorados desde o 5 de decembro ata o 7 de xaneiro de 2024, con iluminación e detalles visibles ata as 22:00 horas todos os días. O tema proposto debe reflectir o espírito das festas do Nadal combinado co produto principal de cada comercio.

Un xurado avaliará os escaparates baseándose en criterios como a creatividade, orixinalidade, artesanía, deseño, atractivo comercial e coherencia coa oferta do establecemento. Os tres mellores escaparates recibirán de premio 600, 400 euros e 200 euros. Ademais, outorgarase un premio especial de 100 euros ao escaparate máis votado a través das redes sociais, compatible cos premios principais.

O Concello anima a todos os comerciantes da vila e das parroquias a participar nesta proposta que, ademais de estimular a creatividade e a innovación no comercio local, busca fomentar un ambiente festivo que atraia á cidadanía ás tendas locais.

Con esta convocatoria, Vilalba aposta por un Nadal cheo de luz, cor e dinamismo, convertendo o comercio en protagonista das celebracións.

0.16271901130676