Vilalvite acolle unha charla sobre as enfermidades transmitidas polas carrachas

A Escola de Vilalvite, no concello de Friol, acollerá este xoves 24 de setembro, ás 20.30 horas, o faladoiro científico Enfermidades transmitidas por carrachas: coñécelas para poder previlas, unha actividade incluída no programa Lambiscadas Científicas. Ciencia en boa compañía.
Durante o encontro abordaranse as diferentes especies de carrachas que se poden atopar en Galicia, así como as enfermidades que poden transmitir e as principais medidas de prevención para evitar as súas picaduras e reducir os riscos asociados.
A actividade está organizada pola asociación veciñal Agro Pena da Vila, de Vilalvite, e conta coa colaboración de entidades como XuvenLAB, XuvenCiencia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a FECYT e a Universidade de Santiago de Compostela.
O faladoiro pretende achegar á veciñanza información científica sobre estes artrópodos e facilitar coñecementos prácticos para identificar os posibles riscos e adoptar medidas de prevención, especialmente nun territorio no que a presenza de carrachas forma parte do contorno habitual.