Vilapene celebrará en agosto as festas na honra da Nosa Señora con tres xornadas de celebración

A parroquia de Vilapene, no concello de Cospeito, celebrará durante o mes de agosto as tradicionais festas na honra da Nosa Señora cun programa que se desenvolverá os días 15, 22 e 23. A celebración combinará os actos relixiosos coas sesións vermú, unha comida veciñal e varias actuacións musicais.
A primeira xornada festiva terá lugar o sábado 15 de agosto. A programación comezará cunha misa ás 12.30 horas, seguida da procesión e da sesión vermú amenizada por D' Caché. A continuación celebrarase a tradicional comida veciñal, servida por Catering Rochela, e a sobremesa estará acompañada pola música do Dúo D' Caché Music.
O menú constará de xamón cocido, polbo, churrasco mixto con criollo, patacas fritas, sobremesa, pan, bebida, café e licores. O seu prezo é de 37 euros para maiores de 12 anos e de 18 para aqueles que teñan entre 7 e 11, sendo de balde para os menores.
O último día para anotarse é o 31 de xullo por teléfono no whatsapp 626 382 593.
As festas continuarán o sábado 22 de agosto cunha misa ás 13.30 horas, procesión e sesión vermú coa actuación da orquestra La Noria. Pola noite, a formación regresará ao escenario para protagonizar a verbena, na que tamén participará a cantante Ruth Cundins.
O programa concluirá o domingo 23 de agosto cunha misa ás 13.30 horas, seguida da procesión e da sesión vermú amenizada polo Dúo Chiarada, que será o encargado de poñer o broche final ás celebracións organizadas pola Asociación Veciñal de Vilapene, coa colaboración da veciñanza, das casas colaboradoras e do Concello de Cospeito.