Villares continúa a ronda de reunións cos concellos visitando Abadín

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse co alcalde de Abadín, José María López Rancaño, no marco da rolda de visitas institucionais que prevé realizar aos concellos lucenses.
O obxectivo destas xuntanzas é facer seguimento das principais demandas de cada zona e seguir reforzando a colaboración coas entidades locais para impulsar proxectos, mellorar servizos públicos e dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas da provincia.
O encontro serviu para repasar algunhas das iniciativas en marcha froito desta cooperación, como a residencia municipal de maiores de Abadín, que ofrecerá 44 prazas. A Consellería de Política Social e Igualdade destinou 1,2 millóns de euros a financiar as obras de rehabilitación e ampliación do edificio do antigo do colexio de infantil para albergar o futuro servizo.
Así mesmo, o delegado tamén salientou as liñas específicas de axudas a concellos que convoca cada ano a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. En 2025, a Xunta concedeu a este municipio 276.400 euros do Fondo de Compensación Ambiental para realizar melloras no polideportivo e habilitar unha senda peonil -entre outras actuacións -; e 60.000 euros do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local para accións de eficiencia enerxética nos vestiarios do campo de fútbol.
Villares reiterou o seu compromiso de traballar da man de todos os concellos co fin de garantir un desenvolvemento territorial equilibrado na provincia.