Villares destaca o “dinamismo” do CEIP Terra Chá, que duplicou o número de alumnos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe o CEIP Terra Chá da parroquia de Román (Vilalba), onde destacou “o dinamismo” deste colexio rural que case duplicou as cifras de matrícula nos últimos anos. Así, en sete cursos pasou de 52 alumnos e alumnas aos 101 actuais – 32 en Infantil e 69 en Primaria-.
Villares agradeceu ao profesorado o seu compromiso “cun proxecto educativo que fomenta a igualdade, a proximidade e a calidade académica”, e que está implicado en diferentes programas innovadores que completan a formación integral dos estudantes.
En cursos anteriores participaron nos proxectos Mestres Gandeiros e Vexo Veo Xacobeo, enmarcados no Plan Sinerxía da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP en colaboración con outros departamentos autonómicos. O primeiro busca transmitir aos nenos e nenas a cultura do coidado da terra e da natureza no labor diario dos profesionais do agro; e o segundo busca achegar ás novas xeracións o coñecemento do patrimonio cultural e os valores do Camiño de Santiago.
Así mesmo, o centro vilalbés participa no Plambe de mellora de bibliotecas escolares; no programa Observa_Acción, que promove intercambios entre o profesorado para aprender novas estratexias e enfoques pedagóxicos; e nas Seccións Bilingües, para potenciar as competencias noutro idioma. Neste caso ofértase na materia de Música de 5º e 6º de Primaria.
Por último, o delegado resaltou que o CEIP Terra Chá ten implantado un programa de inclusión educativa, unha ferramenta que a Xunta pon á disposición dos centros para impulsar boas prácticas que favorezan a igualdade, a boa convivencia e o benestar emocional dos alumnos e alumnas.