Vinte proxectos de coworking da Mariña destacan entre os presentados nunha xornada de emprendemento en Mondoñedo

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Xul 2019

O centro comarcal Maeloc de Mondoñedo acolleu hoxe a presentación dos proxectos da cuarta edición do coworking da Mariña lucense, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industria (EOI), na que se achegou formación e asesoramento para o desenvolvemento dun total de 20 proxectos.
Os 23 emprendedores desta edición, que recibiron orientación personalizada para poñer en marcha os seus proxectos empresariais, optaron por ámbitos de actividade variados, como a agroalimentación sostible e diversificada, o deseño téxtil, o turismo activo e a transformación e xeración industrial de produtos básicos, todos eles a partir do aproveitamento e valorización dos recursos do territorio; os servizos tecnolóxicos para a oferta de solucións eficientes e sostibles en diferentes sectores; a saúde, o benestar e o desenvolvemento social e cultural.
Desde o comezo da súa actividade no 2016 ata finais do 2018, o coworking da mariña lucense apoiou 62 plans de emprendemento, dos que 38 xa están en marcha e a medio prazo está previsto que comecen a funcionar 11 máis. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 107 postos de traballo. 
Durante a súa formación, os novos empresarios tamén recibiron información polo miúdo dos instrumentos de apoio dispoñibles que axudan a consolidar os seus proxectos despois de rematar o coworking. 
Deste xeito, os emprendedores teñen á súa disposición programas que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, que a través das súas últimas convocatorias achegarán axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. Ademais as iniciativas empresariais de nova creación teñen á súa disposición instrumentos de financiamento habilitados por Xesgalicia e o Igape.
A aceleradora forma parte da rede de espazos coworking coa que, a través do Igape, e, en colaboración coa EOI, a Xunta favorece o desenvolvemento e consolidación de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio. Durante os catro anos que leva en marcha, a rede de aceleración apoiou a máis de 700 emprendedores e un total de 641 proxectos en toda Galicia.
A aposta da Xunta polo impulso e consolidación de novas empresas consolídase a través da plataforma StartIN, que ofrece axudao integral ao emprendemento en todo o territorio e que nos últimos cinco anos apoiou máis de 1000 proxectos. Esta iniciativa desenvolve tamén as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa).
 

0.065162897109985