Continúan as reformas de dous colexios, o número 1 de Foz e o Virxe do Carme de Burela

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Xul 2019

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional visitou esta mañá as obras que se están a desenvolver nos CEIP de Foz nº 1 (Foz) e CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Burela), nos que o seu departamento investirá un total de 1.676.286 euros con fin de acometer unha reforma integral -enerxética e funcional- de cada un dos centros.
CEIP DE FOZ. En Foz, a titular de Educación comprobou o desenvolvemento dos traballos no CEIP de Foz nº 1, nos que se investirán 815.989 euros, e que acaban de comezar estes días coa colocación dos andamios en fachada e das casetas de obra.
A reforma contempla a colocación de panel sándwich e illamento térmico na cuberta no edificio de primaria, o illamento da fachada polo exterior mediante sistema SATE neste mesmo edificio, a substitución das fiestras (por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo) e persianas nos dous edificios, e a instalación de luminarias de alta eficiencia enerxética. 
Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 64,70 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 66,10 % en emisións de CO2 no edificio de primaria. Canto ao edificio de infantil, o aforro é do 21,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 21,70 % en emisións de CO2.
A rehabilitación integral deste centro inclúe tamén a creación dun gran patio cuberto entre edificacións, a colocación dun novo núcleo de comunicacións (ascensor e escaleira de evacuación) e a redistribución de espazos administrativos, salón de actos e cociña comedor para mellora da súa funcionalidade. Así mesmo, instalarase un sistema de ramplas entre edificios que resolve os problemas de accesibilidade e repararanse e pintaranse os paramentos verticais.
VIRXE DO CARME. A continuación, Carmen Pomar desprazouse a Burela para ver as obras de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética nos tres edificios que compoñen o colexio plurilingüe Virxe do Carme, nas que se investirán 860.297 euros. A actuación inclúe un novo sistema de illamento térmico nas fachadas (sistema SATE) e na cuberta dos edificios empregando paneis de lá de roca. Tamén se procederá ao pintado das fachadas, aulas e corredores e á substitución do solado exterior con baldosa de formigón e do interior con linóleo.
 Ademais, substituiranse as actuais ventás por unhas novas con aluminio oscilobatente con dobre cristal e cámara de aire intermedia e un vidro acústico e de seguridade, e cambiaranse todas as caixas das ventás e persianas por modelos de aluminio en color natural e illamento reforzado.
 Actuarase no sistema de iluminación, coa substitución completa das luminarias existentes por equipos LED de alta eficiencia enerxética, con regulación e detectores de presenza emprazados estratexicamente nas zonas comúns. Así mesmo, está previsto o subministro e montaxe de falsos teitos, tamén perfectamente illados con lá de roca. Acometerase tamén o azulexado en baños en cor branca de alta resistencia, e a renovación completa de varios aseos máis antigos (fontanería, billas) no edificio infantil e despachos.
 Como traballos complementarios inclúese a apertura dun oco no tabique de conserxería (que mellora a visión da entrada do centro), e a instalación dun sistema de apertura automática no acceso principal, así como a substitución do portón principal de ferro por un de aceiro. O acceso peonil da rúa dos Castros disporá de apertura automática desde conserxería, e o que se realiza pola rúa das Escolas ampliarase para dar acceso a vehículos de grandes dimisións e camións. Finalmente procederase á inertización do depósito de gasóleo soterrado e á súa substitución por un máis seguro en superficie.
Actualmente estase a aplicar o sistema SATE polo exterior, pintura interior, falsos teitos e luminarias no edificio 1. No edificio 2 estase a traballar nos azulexados, fontanería, pintura e xa se iniciou a colocación de ventás. Finalmente, no edificio 3 tamén se está a aplicar o SATE, no interior estanse a substituír as portas de madeira, luminarias e falsos teitos, polo que a obra leva un bo ritmo de execución.
Segundo sinalou a conselleira, as obras que se están a realizar responden aos problemas con filtracións de auga rexistrados o pasado curso, que obrigaron a executar accións de urxencia agora completadas con estes traballos. 
 
 

0.077528953552246