Viveiro acollerá en setembro o cuarto ciclo do programa de maiores da universidade compostelá

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Ago 2019

O Concello de Viveiro acollerá en setembro o IV Ciclo do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela, que leva por título "Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do Coñecemento", grazas a un acordo de colaboración entre a USC e este concello.

O programa distribúese ao longo de cinco xornadas nas que se inclúen seminarios sobre temáticas diversas e unha saída de campo, que serán impartidas por docentes da USC; entre as materias que se abordarán neste ciclo figuran o teatro, a biodiversidade e a conservación ou a arte. As clases teóricas impartiranse nas aulas da UNED, situadas nos Claustros de San Francisco; os desprazamentos para a saída de campo realizarase en autobús. 

Todas aquelas persoas maiores de 50 anos interesadas en participar neste programa deben cubrir e presentar no rexistro municipal a ficha de inscrición que se lles facilitará na casa do concello. A matrícula é gratuíta e pode realizarse ata o 31 de agosto; o mínimo de alumnos/as para que poidan ser impartidas as clases é de 10 e o máximo é de 28, realizándose a admisión por orde de inscripción.

Os contidos van dende un seminario sobre o teatro o día 9, outro sobre biodiversidade e conservación o 10, unha saída á praia de Abrela o día 11, outro sobre patrimonio de Viveiro o día 24 e por último, a clase titulada 'Da asolagada Estabañón á realidade de Viveiro'.

0.19392800331116