Volve este venres o Critérium Aeronáutico de Galicia coa 40 edición da Volta Aérea a Galicia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Desde o Real Aeroclub de Lugo destacan que, unha vez máis, o Critérium Aeronáutico ofrecerá unha gran variedade de propostas pensadas para achegar a aviación a toda a cidadanía
avion-aerodromo-rozas-criterium
5 Jul 2026

O XVIII Critérium Aeronáutico de Galicia e a 40 edición da Volta Aérea a Galicia organizados polo Real Aeroclub de Lugo no aeródromo de Rozas, no Concello de Castro de Rei, reunirán a próxima fin de semana a profesionais e afeccionados ao mundo da aviación cunha ampla oferta de actividades abertas ao público.

Desde o Real Aeroclub de Lugo destacan que, unha vez máis, o Critérium Aeronáutico ofrecerá unha gran variedade de propostas pensadas para achegar a aviación a toda a cidadanía. O acceso ao aeródromo será completamente gratuíto e o horario das actividades estará comprendido entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.

Entre as propostas programadas figuran voos en avións acrobáticos, voos de iniciación en distintas aeronaves, unha exposición de Indra e unha mostra de aeronaves históricas e actuais, así como de aeronaves non tripuladas, aeromodelismo e distintos elementos vinculados ao sector aeronáutico. O público tamén poderá coñecer os proxectos desenvolvidos polo ciclo de Aeromecánica do CIFP As Mercedes e desfrutar dun simulador de voo gratuíto e de inchables infantís.

O programa inclúe ademais diversas actividades especiais ao longo da fin de semana. Está prevista a visita do helicóptero da Policía Nacional o sábado entre as 10.00 e as 20.00 horas, así como a presenza do helicóptero da Garda Civil durante a mañá desa mesma xornada, entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Tamén se agarda a participación dos Canadair CL-215 do Exército do Aire, prevista para o sábado ás 12.00 horas, así como a exhibición dos avións PZL M18 Dromader Thrush 710P, programada inicialmente para o sábado ás 17.00 horas e o domingo ás 12.00 horas.

A organización traballa igualmente para incorporar outras atraccións que aínda están pendentes de confirmación, entre elas un globo aerostático, autoxiros e un helicóptero da Dirección Xeral de Tráfico.

Desde o Real Aeroclub de Lugo lembran que todas as actividades estarán condicionadas polas circunstancias meteorolóxicas e que o obxectivo principal desta iniciativa é achegar a aviación á cidadanía e fomentar o interese polo sector aeronáutico entre persoas de todas as idades.

0.14218091964722