Volve o domingo Vintalba, o mercado de segunda man de Vilalba

Vilalba celebrará este domingo, 8 de novembro, unha nova edición de Vintalba, o mercado de segunda man que alcanza xa a súa quinta convocatoria. A actividade desenvolverase na Praza de Santa María, en horario de 10.00 a 15.00 horas, coincidindo coa feira mensual que terá lugar no campo da feira e nas rúas da contorna.
O mercado contará con preto dunha vintena de postos nos que se poderá atopar unha ampla variedade de artigos, desde roupa, libros e xoguetes ata complementos, decoración e obxectos de coleccionismo. A iniciativa ofrece así unha nova oportunidade para dar unha segunda vida a diferentes produtos e fomentar o consumo responsable.
Vintalba forma parte do programa municipal de dinamización da Praza de Santa María durante os domingos de feira e converteuse nunha das propostas máis populares tanto entre a veciñanza como entre as persoas que visitan a localidade. O interese pola actividade tamén se reflicte nas numerosas consultas que recibe o Concello ao longo do ano sobre novas convocatorias.
Despois da última edición, celebrada en xuño dentro da programación de primavera-verán, o mercado regresa agora coa súa proposta de outono-inverno. Aínda que as previsións apuntan a choiva, os postos estarán cubertos para facilitar a visita do público.