Volven os mercados gandeiros dende mañá, sábado

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos.
22 Maio 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución que levanta a suspensión da celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos.

A Consellería do Medio Rural establece as instrucións pertinentes despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria acordase o levantamento da suspensión de celebración deste tipo de feiras, tendo en conta a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da fase 1 do Plan de desescalada, que levou á reapertura en Galicia dos establecementos comerciais minoristas ou dos mercados ao aire libre.

Así, nos mercados gandeiros que se celebren durante o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte. Para acreditarse, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade. A estes efectos, a entidade organizadora da feira deberá realizar un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, non permitíndose o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario.

Para evitar a confluencia de persoas, a resolución fixa que as operacións de carga e descarga de gando se deberán realizar de xeito gradual e que a entrada ás dependencias veterinarias se levará a cabo de forma individual. A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

A maiores, todos os usuarios do recinto deberán portar máscara e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de persoas, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólica a disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.

Requisitos para os recintos
Sempre que sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais habilitarase unha zona con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores. Tamén se instalarán na zona de atención aos usuarios da oficina veterinaria, para realizar a entrega e recollida de documentación do xeito máis aséptico posible.

De existir posibilidade estrutural nas dependencias, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios, de xeito que non exista cruzamento de persoas. Se no mercado houbera edificio administrativo, a entidade organizadora regulará o seu aforo e nas zonas de maior confluencia mesmo definirá sentidos de circulación, diferenciando ambos sentidos mediante elementos ben visibles.

Na medida do posible, e sempre que non afecte ao benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas, para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas con manetas ou pomos. Unha vez finalizado, a entidade organizadora procederá a limpar todas as instalacións, con especial atención ás superficies de contacto frecuente, como os pomos das portas, mobiliario, pasamáns, chans ou billas, así como os amarres, gaiolas e restantes instalacións para albergar o gando. Para a desinfección, utilizaranse dilucións de lixivia ou calquera outro composto virucida autorizado e rexistrado polo Ministerio de Sanidade. Tras a limpeza, eliminaranse de xeito seguro tanto os materiais e equipos de protección individual utilizados como os residuos xerados.

As entidades organizadoras que desexen celebrar mercados gandeiros durante o estado de alarma poden comunicalo dende mañá aos servizos provinciais correspondentes, sinalando as datas de celebración co obxecto de poder organizar a prestación dos correspondentes servizos veterinarios.

A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias poderá suspender a celebración das feiras se considera que non se garanten as medidas sanitarias axeitadas.

0.15141296386719