X. M. Ferro Formoso presenta 'Oblea', unha nova novela de intriga ambientada na Galicia do século XIX

O escritor pontés X. M. Ferro Formoso vén de publicar Oblea, a súa nova novela, unha historia de intriga, crime e misterio ambientada na Galicia de finais do século XIX, que dá continuidade ao universo narrativo iniciado con Terror Mortis.
A obra será presentada este domingo, 19 de abril, ás 12:00 horas na Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, nas Pontes, nun acto no que o autor estará acompañado polo director do museo, José María López Ferro.
En Oblea, o doutor Alfonso Neira Lafontaine e o subtenente Piñeiro volven unir ciencia e investigación criminal para enfrontarse a unha serie de crimes que os levarán por diferentes localizacións de Galicia, desde Ferrol e A Coruña ata o mosteiro de Monfero, Pontedeume, Redes e a colexiata de Caaveiro, no corazón das Fragas do Eume.
A novela arrinca coa aparición do cadáver dun monxe xunto á fonte do mosteiro de Santa María de Monfero, nunha escena marcada polo simbolismo ritual, a presenza do veleno e a sospeita de que tras os crimes se agocha un plan perfectamente trazado. A medida que avanza a investigación, a trama entrelaza elementos de botánica, relixión, lenda e violencia, contrapondo a lóxica racional de Lafontaine co peso do imaxinario popular galego arredor das mouras.
Con esta nova publicación, Ferro Formoso reafirma unha voz narrativa centrada na Galicia histórica, no seu patrimonio e nas paisaxes cargadas de simbolismo, ao tempo que consolida unha saga protagonizada por personaxes xa recoñecibles como Lafontaine, Piñeiro e Clara. A novela foi publicada en edición independente polo propio autor.