Xa están en marcha as obras para a ampliación do PAI de Guitiriz

TerraChaXa
Os traballos permitirán aumentar a súa capacidade ata as 35 prazas, distribuídas en dúas unidades: unha de 20 nenos de 2-3 anos e outra de 15 nenos de 0 a 3 anos.
22 Dec 2023

Os traballos permitirán aumentar a súa capacidade ata as 35 prazas, distribuídas en dúas unidades: unha de 20 nenos de 2-3 anos e outra de 15 nenos de 0 a 3 anos.

O Concello de Guitiriz comezou as obras par a reforma e ampliación do Punto de Atención Infantil (PAI) de Guitiriz, unha actuación que ten un orzamento de execución de 367.780,25 euros.

Para o financiamento desta obra obtívose unha axuda de 92.780,25 euros a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, mentres que a parte restante se sufragará con fondos municipais. O Concello segue a agardar que a Xunta de Galicia faga valer o compromiso acadado no ano 2019 coa conselleira de Política Social, Fabiola García, de que colaborarían no financiamento deste proxecto.

Os traballos permitirán aumentar a capacidade do centro de 20 a 35 prazas, distribuídas en dúas unidades, unha de 20 nenos e nenas de 2-3 anos e outra de 15 nenos e nenas de 0 a 3 anos, resolvendo así o déficit existente para ese tramo de idade e eliminando as listas de agarda.

No edificio actual do PAI, que albergará a cociña, o comedor, un aseo adaptado, os vestiarios, a sala de usos múltiples e o despacho de dirección, actuarase sobre a envolvente para adecualo a unha maior eficiencia enerxética. Así, executarase un illamento exterior en fachada e substituirase o material de cuberta por outro con maior illamento.

Na parte ampliada está previsto que se sitúen as dúas aulas, os dous aseos de nenas e nenos e a zona de descanso para os máis pequenos. No volume que fará de nexo entre as dúas estruturas situaranse as comunicacións e a entrada principal.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “está previsto que as obras rematen no mes de marzo de 2024” e lembra que “este é un proxecto moi importante para o municipio xa que é urxente dotar ao PAI de máis prazas”

“Seguimos agardando a que a Xunta cumpra o pactado e, como mínimo, dedique a Guitiriz a mesma atención que lle dá a outros concellos, non pedimos ningún trato especial”, indica.

0.12322998046875