Xacobe Sánchez; trapeiro, taberneiro, fotógrafo e anticuario
Por Raul Río
Xacobe é o irmán mais novo de Paquita Sánchez, mais coñecida como “A Trapeira de Vilalba”, que estaba casada con Manuel de Rei da Tiñaz, tamén dos Vilares, co que tiña un almacén de patacas, xamóns, ovos e trapos na capital chairega.
Eran fillos de Xacobe Sánchez e Xosefa Lobeiras, unha familia de labregos que cando viñeron da Arxentina tiveron un bar e casa de comidas na vila de Guitiriz, onde estivo logo a panadería da Esquina; pero ao ser seu pai concelleiro do municipio, que estaba daquela en Trasparga, durante a guerra e cando rematou viñan por alí os falanxistas, comían e bebían pero non lle pagaban por haber sido republicano, polo que tiveron que deixar ese negocio e facer unha casa no Castro das Reixas dos Vilares, onde el naceu e na que tamén puxeron taberna.
Saíu da casa antes de cumprir os dezaoito anos, pois non lle gustou a seu pai o troco que fixo con un foco que lle mercara para ir a escola de noite, tiveron unha discusión e marchou para a zona de Asturias, pois sabía que alí estaba Juan de Perico, da aldea do Barreiro, veciño da parroquia e amigo seu que tiña un almacén de trapos no lugar de A Veiga.
Xacobe forma parte da última xeración de trapeiros e empezou a mercar trapos, sedas, crinas, cobre, chumbo e moedas por aquela zona que vai entre os ríos Eu e Navia (Os Oscos, A Veiga, Taramundi), chegando incluso a Avilés e á Fonsagrada, para venderlle logo o material ao seu veciño, que as veces era tamén quen lle adiantaba os cartos para seguir no negocio. Algo que sería imposible de facer hoxe é que, cando se quedaba sen cartos mandáballe recado a el polo coche de liña e para o outro día xa llos traía o mesmo condutor. Ao primeiro tamén lle valeu moito ser veciño de Juan, pois cando o almacenista se foi establecer alí tamén foi algún tempo aos trapos e por onde andou tiña moi boa fama e nas casas coñecíano moito.
Encetou a súa vida de trapeiro, pero a súa iniciativa e afán emprendedor levouno a desempeñar os mais diversos oficios, xa que ao ver que por aquelas aldeas da montaña non había tendas nas que mercar a roupa mais esencial, empezou a vender roupa nova que traía dos almacéns San Marcos de Lugo e xa deixou de mercar trapos para non mesturar unha cousa coa outra e porque estaría mal visto vender roupa nova e mercar a vella ao mesmo tempo.
Así andou bastantes anos ata que na taberna dunha aldea da montaña, onde se hospedaba e onde paraba a comer, atopouse con Pedro Quirós, fillo dun médico do mesmo nome que tiña unha clínica de psiquiatría en Oviedo. Andaba por aquelas aldeas porque tiña cabalos na serra e porque se dedicaba a mercar antigüidades: huchas de madeira, chineiros, ou mesas vellas que tiñan caixóns tallados e patas torneadas. Xacobe díxolle que el vía moitas mesas así polas casas cando desempaquetaba a roupa encima delas para ensinala e o tratante de antigüidades comprometeuse a mercarllas si se facía con elas, así que cando vía unha mesa dese tipo nalgunha casa dicíalle ao dono que tamén lle trocaba a roupa que vendía pola mesa e ao pouco tempo xa tiña un camión de mesas, huchas vellas e outros mobles mercados ou trocados por roupa, porque daquela os paisanos non lles daban moito valor a aquelas cousas.
Pagoulle con un cheque normal a primeira vez, pero a segunda deulle un cheque a pagar aos tres meses, pero como lle admitiron o cheque nun concesionario mercou o seu primeiro coche, un Seat 1400 co que puxo unha praza de taxi en Guitiriz. A partir daquela data, aínda que seguiu mercando, xa non lle volveu vender a Pedro porque tiña medo que lle volvera facer o mesmo e el non podía agardar tanto tempo polo diñeiro.
Non quixo entrar en Ensidesa porque tiña a seus pais na casa e quería estar con eles cando o necesitaran e tampouco as súas ansias de independencia lle permitían estar suxeito a ningunha empresa, así que xunto con Abelardo do Carboeiro, que daquela xa se dedicaba a mercar madeira, fixeron entre os dous unha caseta de táboas para poñer unha cantina, pegada ao bar que tiña seu tío de Correo de Novás no campamento de Santa Cruz de Parga, pero despois dun tempo Abelardo dixo que o del era a madeira e acordaron que Xacobe se quedara coa cantina e Abelardo seguiría na madeira.
Tampouco pararon aí as súas ansias emprendedoras, xa que levou a súa sobriña Alicia para que lle axudara a atender a taberna e el mercou unha máquina de fotografar para dedicarse tamén a sacar fotos aos soldados e mais tarde incluso nalgunha voda; pero despois de experimentar en todos eses oficios volveu ás antigüidades e hoxe está orgulloso de que os seus fillos sigan o mesmo camiño, de que o negocio fundado por el venda material á industria de Hollywood e de que os carros que lle venderon a Ridley Scott sigan rodando na película Exodus. Nosoutros, os veciños dos Vilares, estamos fachendosos de contar na parroquia con un anticuario dos mellores do mundo.