Xente de paso

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
10 Sep 2021

Por Moncho Paz

Vilalba acadou sona internacional como terra de poetas, escritores, xornalistas, médicos, políticos, creadores... O militante anarquista Ángel Carballeira, os irmáns Xosé e Ramón Chao Rego, o sociólogo Bernardo García Cendán, o futbolista Vicente Celeiro, a actriz Cristina Castaño, o historiador Manuel Mato Vizoso, os doutores Plácido Orosa, Emilio Bouza e Alberto G. Basteiro, o autodidacta e polifacético Antonio García Hermida, os escritores Xosé Luís García Mato, Agustín Fernández Paz e Antonio D. Olano, a poeta Carmiña Prieto Rouco, os políticos Aniceto Codesal, Manuel Fraga Iribarne, Enrique González Luaces, Suso Gayoso, Xosé Mª García Leira, Agustín Baamonde, Martín Seco (pai e fillo), Ángel Felpeto e Lois Peña Novo, o pintor López Guntín, os bispos Rouco Varela e Alfonso Carrasco, o académico Darío Villanueva, o filósofo Antón Baamonde...

Asegura precisamente este último que tal profusión de celebridades nun municipio tan pequeno pode estar relacionada co feito de que fose “un pobo de tránsito, situado nunha encrucillada con Ferrol, Mondoñedo, Lugo e A Coruña, e a circunstancia de ser unha vila de comerciantes”. Ese cruzamento de camiños favoreceu sempre as abondosas visitas da “xente de paso”, unha expresión que adoitaba empregar o Chavito para referirse ao seu perfil idóneo de clientes cando se viu na obriga de transformar o tradicional modelo de negocio, en especial tras a crise de finais da década dos oitenta e a posterior proliferación de supermercados e grandes superficies que, lamentablemente, remataron por substituír á maior parte das vellas tendas de ultramarinos e pequenos comercios de variedades.

Outro feito que afectou de xeito considerable á empresa familiar foi a posta en marcha da estación de autobuses, inaugurada oficialmente o 30 de agosto de 1991, na véspera de San Ramón. A localización estratéxica de Vilalba, xunto á idea de intensificar as conexións interurbanas -sobre todo con Madrid, Bilbao e Murcia- e desconxestionar así o tráfico no centro do pobo, provocou o traslado das antigas paradas, situadas durante décadas fronte á Casa dos Marios (en dirección Lugo, Compostela e A Coruña) e diante da cafetería La Vizcaína (con destino Mondoñedo e localidades costeiras da Mariña, como Viveiro, Foz e Ribadeo). Asemade, púxose en marcha o traxecto entre Vilalba e Madrid, con dúas saídas diarias da capital do Estado dende a Avenida de América, estación Sur, terminais T4 e T1 do aeroporto, praza Elíptica, Porta do Sol, Príncipe Pío e Moncloa. Por outra banda, o roteiro dende Bilbao reduciuse até as nove horas e a maioría dos usuarios eran emigrantes que retornaban polo Nadal ou durante época estival.

Tras a prematura morte dos meus tíos Mario e Cándido -con 52 e 41 anos, respectivamente- o Chavito decidiu reconverter a tenda e transformala nun local de produtos típicos, que chegou a ser referente en toda a xeografía galega, pois recibía clientes de toda clase e condición. Como os pensadores Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, os humoristas Carlos Díaz “O Xestal” e Xosé Luís Bernal “Farruco”, ducias de xornalistas que durante quince anos acudiron á celebración das Xornadas de Comunicación Interdepartamental da Xunta de Galicia no hotel Villamartín, músicos como Piti Sanz -sobriño neto do mestre Gregorio Sanz- e Julián Hernández, líder de Siniestro Total, e afamados locutores de radio, que puxeron voz nas ondas aos eventos gastronómicos da Chaira, narrados con paixón por Tuñas Bouzón ou Luis Rial. Tamén aristócratas namorados da paisaxe galega, como José Manuel Romero, conde de Fontao, amigo persoal e asesor legal do Rei emérito durante máis de vinte anos e que nos seus desprazamentos dende Madrid até Fazouro (Foz) facía un alto en Vilalba para xantar no Parador e mercar queixos, chourizos e outras viandas na Casa dos Marios. O mesmo lle acontecía a Juan Ramón Díaz García, histórico director de La Voz de Galicia, quen, cando se dirixía cara a Mondoñedo, só ou en compañía de amizades como o escritor Alfredo Conde ou o columnista Juan Soto, paraba a departir co Chavito e aproveitaba aquel momento para degustar unha ración de xamón dos Acisclos con pan de Martiñán e unhas copas de tinto reserva da Rioxa. Outro ilustre cliente foi o diplomático Carlos Robles Piquer, cuñado de Fraga, que se achegaba todos os anos pola capital da Terra Chá para pasar as festas patronais coa familia. E o expresidente do goberno Leopoldo Calvo-Sotelo, que na década de 1980 -tras deixar a primeira liña política- conducía dende Madrid o seu vehículo particular, un Seat 132 (equipado con motor Mercedes), sempre acompañado pola súa dona Pilar Ibáñez e seguidos de preto por un coche escolta. Estacionaba diante de La Vizcaína e atravesaba a rúa para mercar queixos de San Simón. A súa vinculación con Ribadeo, onde nacera a súa nai e onde se instalaba cada verán, era moi estreita; de feito, foi nomeado patrón maior honorario da Confraría de Pescadores, director honorífico da Coral Polifónica e alcalde honorario da capital da Mariña oriental.

O meu pai foi un home sabio, cunha filosofía propia e un peculiar estilo, herdado de xeracións anteriores da nosa familia, que ben podería resumirse nunha frase: “As cousas nesta vida hai que velas vir, deixalas pasar e, se non queda outro remedio, paralas a tempo”. Desvelouma nunha tarde de outono, tras unha longa andaina polas beiras do río Madalena. Ollámonos cun sorriso cómplice e seguimos a camiñar en silencio.

Vilalba decada 1970

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.14456510543823