Xermade abriu unha nova edición do Encontro Internacional de Torneiros, cita de referencia para a artesanía

GaliciaXa | TerraChaXa
Carmela López e José González participaron na inauguración dun encontro que reúne máis de 90 expositores e que se celebra ata o domingo con demostracións, formación e exposicións
encontro-torneiros-xermade
18 Sep 2026

Xermade acolle desde este venres e ata o domingo o XXVI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, unha cita consolidada no ámbito da tornaría e da artesanía que reúne no polideportivo municipal a máis de 90 expositores procedentes de Galicia, do resto de España e de distintos puntos do mundo. A inauguración contou coa participación da presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López Moreno; da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; e do alcalde de Xermade, Roberto García Pernas.

Durante o acto, as autoridades destacaron a traxectoria do encontro e o seu papel na difusión e evolución dun oficio tradicional ligado ao territorio. A organización estima que a mostra recibirá arredor de 5.000 visitantes ao longo das tres xornadas.

Carmela López puxo en valor a consolidación do encontro e o seu impacto cultural e artesanal. “Despois de 25 anos, este encontro é xa moito máis ca unha cita consolidada, é un referente cultural e artesán da nosa provincia, e demostra algo moi importante: conservar os oficios tradicionais non significa mirar ao pasado, significa darlles futuro”, subliñou.

A presidenta da Deputación reivindicou tamén o valor do traballo artesanal fronte aos novos avances tecnolóxicos. “En tempos da intelixencia artificial debemos protexer a intelixencia manual”, afirmou, en referencia “á das mans capaces de converter unha idea nunha peza única, á das persoas que coñecen a madeira e saben traballala con paciencia, precisión e creatividade”.

A Deputación de Lugo colabora con esta edición cunha achega económica de 13.000 euros, un apoio que Carmela López reafirmou durante a inauguración. A presidenta destacou igualmente o traballo desenvolvido pola organización e polo Concello de Xermade para converter o municipio nun referente internacional da tornaría.

Pola súa banda, José González salientou a traxectoria do encontro, ao que definiu como unha cita de referencia en toda Europa, e agradeceu o labor da Asociación de Amigos da Madeira, impulsora da iniciativa. O conselleiro destacou que o encontro permite visibilizar a innovación en métodos, técnicas e materiais como unha vía para garantir o mantemento e o futuro deste oficio artesanal.

PROGRAMACIÓN

A programación inclúe demostracións, formación e exposicións a cargo de profesionais de prestixio procedentes de Galicia e doutros países europeos. Nesta edición participan como relatores Pierre Cornëlis, de Francia; Kevin Hutson, do Reino Unido; Paulo de Tarso, de Portugal; e Lolo Castro, das Pontes, considerado un dos principais impulsores do encontro. É a primeira vez que o certame conta con tres relatores estranxeiros.

As persoas asistentes tamén poderán visitar a exposición de pezas realizadas polos participantes, así como a mostra itinerante CONtornos, que alcanza este ano a súa XVIII edición.

O conselleiro puxo tamén en valor o Centro Internacional de Torneiría A Reitoral, situado en Xermade, como complemento ao traballo desenvolvido polo encontro. O espazo, instalado nunha antiga reitoral rehabilitada, está destinado á formación, demostración e divulgación deste oficio tradicional e levará o nome de Fernando Vérez, en memoria dun dos principais impulsores da tornaría e do propio Encontro Internacional de Torneiros.

A cita conta con arredor de 90 expositores, entre os que figura un procedente da cidade arxentina de Córdoba, ademais doutros de Reino Unido, Francia e Portugal. Durante as xornadas haberá tamén postos de venda de materiais, ferramentas e publicacións especializadas.

0.14593505859375