Xermade acolle a representación teatral de 'Tula Varona' este domingo en Roupar

O Concello de Xermade organiza este domingo 19 de abril ás 19:00 horas a representación teatral de Tula Varona, un espectáculo dirixido a público adulto que terá lugar na Escola Habaneira de Roupar.
A obra recupera un dos textos da colección Mulleres de Valle-Inclán, incluída en Contos españois e historias perversas, para ofrecer unha proposta escénica que combina humor, música e narración oral arredor dunha figura feminina de forte personalidade. A protagonista, Tula Varona, preséntase como unha muller adiantada ao seu tempo, cun carácter marcado pola súa beleza, independencia e capacidade de decisión, allea ás convencións sociais e ao que dirán.
A peza afonda nun retrato complexo e cheo de matices dunha muller que exerce o seu poder e liberdade, movéndose entre o amor e o rexeitamento, nun contexto literario que destaca pola riqueza expresiva do autor galego.
Esta actividade enmárcase no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), que busca impulsar a oferta cultural en territorios en proceso de transformación, achegando propostas escénicas de calidade á veciñanza.
Desde o Concello animan á cidadanía a asistir a esta cita cultural, que ofrece unha oportunidade para gozar do teatro nun espazo próximo e cunha proposta de gran valor literario e artístico.