Xermade acolle un curso sobre técnicas de pastoreo

TerraChaXa
Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a acción está prevista celebrarase o mércores 27 na casa escola de Cabreiros
vacas en extensivo
23 Out 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará o vindeiro mércores 27 de outubro en Xermade un curso sobre técnicas de pastoreo. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Vilalba, a acción formativa terá lugar na casa escola de Cabreiros, en horario partido (11:00 a 13:00 horas e de 15:30 a 18:30 horas).

O obxectivo desta xornada é formar aos asistentes sobre o papel do pastoreo como fornecedor de alimento equilibrado para o gando. Para iso, abordaranse as distintas técnicas de pastoreo desde o punto de vista dos seus resultados técnicos e económicos,  ademais de analizar os erros máis habituais nas granxas que se inician e asentan neste tipo de sistemas. A xornada finalizará cunha visita a unha explotación gandeira que emprega a técnica do pastoreo.

A acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.carmen.rego.martinez@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982 828 954.

0.091250896453857