Xermade acolle un novo programa universitario para maiores do IV Ciclo da USC

TerraChaXa
A Biblioteca Pública será o escenario de seis sesións formativas entre o 30 de setembro e o 13 de outubro dirixidas a persoas maiores de 50 anos
caminos-conecemento-xermade
26 Sep 2026

O Concello de Xermade converterase nas próximas semanas nunha das sedes do programa “Camiños de coñecemento e experiencia”, unha iniciativa do Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que achegará formación gratuíta ás persoas maiores de 50 anos.

O proxecto, enmarcado no IV Ciclo da USC e orientado á democratización do coñecemento, desenvolverase na Biblioteca Pública de Xermade entre o 30 de setembro e o 13 de outubro, cun total de seis sesións impartidas por profesorado universitario e colaboradores do programa.

A programación abrirase os días 30 de setembro e 13 de outubro, de 17.00 a 19.00 horas, coa conferencia “Biodiversidade e paisaxe agroforestal”, impartida polo profesor da Escola Superior Politécnica de Lugo Emilio Carral Vilariño, quen analizará o valor ecolóxico e paisaxístico do medio rural galego e a súa relación coa conservación da biodiversidade.

A formación continuará os días 6 e 7 de outubro, entre as 16.30 e as 18.00 horas, cun obradoiro práctico titulado “O uso do móbil, sácalle partido”, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Álvaro Dosil Rosende. As sesións estarán centradas en mellorar as competencias dixitais das persoas participantes e en aproveitar as posibilidades que ofrecen os teléfonos móbiles na vida cotiá.

O programa pecharase os días 8 e 9 de outubro coa actividade “Achegamento á figura de Rosalía de Castro. Lectura compartida”, conducida pola escritora e profesora colaboradora da USC Anxela Gracián, que propoñerá unha aproximación á obra e ao legado da autora galega a través da lectura e da reflexión colectiva.

As inscricións poden realizarse no Concello de Xermade, mentres que todas as actividades terán lugar no salón de actos da Biblioteca Pública. A iniciativa conta coa colaboración de varios concellos da provincia e da Xunta de Galicia, e forma parte da aposta da Universidade de Santiago por achegar a formación universitaria á poboación maior e ao ámbito rural.

0.14776992797852