Xermade acolle unha exposición de arte ata o último xoves do mes

A Biblioteca Municipal de Xermade encherase de arte, natureza e emocións a partir do vindeiro xoves 10 coa exposición A beleza da natureza, da artista Iris Debasa.
A mostra está formada por un total de 36 obras realizadas con carboncillo, lapis e rotulador negro, a través das cales a autora invita o público a deterse e observar con atención a beleza que nos rodea cada día, especialmente a dos animais.
As obras buscan transmitir emocións a través de pequenos xestos e detalles: miradas, acenos e sorrisos que permiten lembrar a beleza que os animais irradian simplemente por formar parte das nosas vidas.
A inauguración terá lugar ás 19.00 horas na Biblioteca Municipal de Xermade. A exposición permanecerá aberta ata o xoves 24, ofrecendo aos visitantes a posibilidade de achegarse ao traballo da artista durante dúas semanas.
Aquelas persoas que non poidan asistir á inauguración poderán visitar igualmente a mostra durante o horario habitual da biblioteca: os luns e xoves, de 15.30 a 20.00 horas, e os martes, mércores e venres, de 11.00 a 14.30 horas e de 15.30 a 20.00 horas.