Xermade acollerá o xoves unha actividade para os máis pequenos

TerraChaXa
É a primeira dunha serie de actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas
espectaculo-biblioteca-xermade
2 Out 2024

A Biblioteca municipal de Xermade, acollerá o próximo xoves 3 de outubro, ás 18.00 horas, A Orixe, unha iniciativa de Raquel Queizás, que consiste nun espectáculo de contos con manipulación de obxectos e monicreques.

Unha exploradora chega á biblioteca co afán de compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións ao longo do mundo. Ante os ollos dun público participativo, a exploradora dramatizará diferentes lendas, contos e mitos, coa axuda dalgúns pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

A Orixe é unha recolleita de lendas, mitos e contos da tradición oral de diferentes culturas do mundo. Estas historias teñen un dobre propósito. Por un lado, son unha forma de educar os máis novos (os contos están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o emprego da intelixencia para a resolución dos conflitos). Doutra banda, moitas destas lendas buscan describir e explicar a orixe do mundo e o lugar que o home ocupa nel, fomentando o respecto pola natureza.

Esta é a primeira das actividades organizadas con motivo do Día das Bibliotecas e que consistirá en actividades os cinco xoves deste mes.

0.1849091053009