Xermade celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha proposta teatral para descubrir a vida das árbores

O Concello de Xermade conmemorará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha actividade teatralizada e participativa dirixida ao alumnado do CEIP de Xermade. A proposta, titulada Quien a buen árbol se arrima, do Proxecto Soy Semilla, desenvolverase este venres, 5 de xuño, ás 12.10 horas nas instalacións do centro educativo.
A iniciativa ofrecerá unha experiencia singular para achegar aos máis novos á figura da árbore desde unha perspectiva biolóxica, simbólica e emocional. A través dun percorrido que combinará teatro, participación e reflexión, os asistentes descubrirán as distintas etapas da vida das árbores, desde a xerminación dunha semente ata a morte e descomposición da madeira.
Durante a actividade abordaranse cuestións relacionadas coa morfoloxía das árbores, os seus segredos e o profundo simbolismo ancestral que as acompaña, poñendo en valor a estreita relación existente entre a súa experiencia vital e a das persoas. A proposta tamén convidará a reflexionar sobre a paciencia, a colaboración entre especies e a relación da humanidade coa natureza.
O espectáculo combinará humor, aprendizaxe e interacción co público para crear un encontro cheo de matices e descubrimentos, promovendo a conexión coa contorna natural e coa sabedoría que representan as árbores.
A función terá carácter exclusivamente escolar e enmárcase nas actividades impulsadas polo Concello de Xermade para fomentar a educación ambiental e a sensibilización sobre a importancia da conservación da natureza entre as novas xeracións.