Xermade celebrará un obradoiro de artes gráficas e pintura téxtil polo Día das Letras Galegas

Xermade acollerá o vindeiro 17 de maio un obradoiro de artes gráficas e pintura téxtil dentro da programación organizada con motivo do Día das Letras Galegas e integrada no programa Mans Artesás 2026.
A actividade desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas na nave do Concello, situada no polígono de Xermade, e estará aberta de maneira gratuíta a toda a cidadanía.
O obradoiro estará impartido por Rami, responsable de Taller Patapúm, un proxecto centrado na creación de pezas téxtiles elaboradas principalmente con algodón e liño e realizadas con materiais que priorizan o orgánico e as tinturas directas sen reactivos químicos.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán deseñar a súa propia bolsa de tea nun espazo pensado para fomentar a creatividade, achegar a artesanía contemporánea á veciñanza e promover a cultura artesanal e o desenvolvemento local.
Desde a organización destacan que a iniciativa busca converterse nun punto de encontro participativo arredor da creación artística e da artesanía, coincidindo coa celebración das Letras Galegas.