Xermade conmemora o 25N con varias actividades para combater a violencia contra as mulleres

Xermade conmemora o 25N cunha programación de actividades para combater a violencia contra as mulleres
O Concello de Xermade organiza unha programación especial con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro, co obxectivo de visibilizar esta problemática, promover a igualdade e reivindicar unha sociedade libre de violencia machista.
As actividades desenvolveranse ao longo de varios días e incluirán propostas de sensibilización, prevención e concienciación social, coa implicación tamén das novas xeracións.
A programación comezará o sábado 21 de novembro cunha andaina contra a violencia, que partirá ás 10.00 horas da praza do Concello. O mércores 25 de novembro, coincidindo coa xornada central da conmemoración, terá lugar a lectura do manifesto diante da Casa do Concello, ás 10.30 horas.
As propostas continuarán o xoves 26 de novembro cunha sesión de narración oral titulada Nin máis nin menos, que se desenvolverá ás 12.00 horas no CEIP de Xermade e estará dirixida ao alumnado do centro.
Ademais, os días 28 e 29 de novembro celebrarase unha formación en Defensa Persoal Feminina no pavillón municipal de Xermade, en horario de 16.00 a 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través do WhatsApp 678 744 178.
Desde o Concello lembran que a violencia contra as mulleres é unha realidade que interpela a toda a sociedade e destacan a importancia da prevención, a educación e o compromiso colectivo para combatela.
A iniciativa está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.
Con esta programación, Xermade reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa construción dunha sociedade na que todas as mulleres poidan vivir libres de violencia.