Xermade convoca o terceiro concurso de creación sobre igualdade

TerraChaXa
Os traballos deben ser inéditos e orixinais, presentados nun folio de tamaño DIN A4, sen utilizar medios dixitais para a súa realización
xermadeando-pola-igualdade
23 May 2026

O Concello de Xermade convida a todo o alumnado do CEIP de Xermade a participar na terceira edición do certame de creación artística escrita e gráfica sobre a igualdade.

Poderán concorrer ao certame o alumnado matriculado no CEIP Plurilingüe de Xermade durante o curso 2025/2026 e estableceranse para eles tres categorías dependendo da idade. A para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria, a B para os de 3º e 4º de Primaria e a C cos de 5º e 6º de Primaria.

O tema do concurso baseará sobre a volta ao mundo en igualdade. As obras poderán servir para descubrir que, aínda que existen moitas diferenzas culturais, lingüísticas ou sociais, todos os nenos e nenas comparten os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades. Cada categoría terá unha modalidade, así os máis pequenos teñen que facer un debuxo e os das categorías B e C crear un conto, en lingua galega.

Os traballos deben ser inéditos e orixinais, presentados nun folio de tamaño DIN A4, sen utilizar medios dixitais para a súa realización. Entregaranse só co título, sen ningunha identificación persoal.

A entrega dos traballos será presencial, na Biblioteca Municipal de Xermade, ata o 5 de xuño, achegando documentación acreditativa, a efectos de certificar que o alumno/a está matriculado no centro.

Todo o alumnado participante recibirá un vale por 30 euros no momento da entrega do traballo para material escolar. De entre os traballos entregados, escolleranse tres premios por cada categoría, que recibirán premios de entre 35 e 60 euros no primeiro grupo de idade e de 85 a 50 nos outros dous.

0.16129398345947