Xermolos abre o prazo de inscrición para a súa escola de baile e música tradicional

A Asociación Cultural Xermolos inicia o curso da súa Escola de Música Tradicional co obxectivo de promover a cultura e o patrimonio musical galego a través do baile, do cante e do uso de instrumentos tradicionais.
A oferta formativa de baile tradicional estará impartida por Lis Latas. No caso dos nenos de 4 a 12 anos, as clases haberá que habelas os mércores e xoves. Pola súa banda, os adultos disporán de niveis de iniciación, intermedio e avanzado, que tamén se impartirán os mércores e xoves.
Na especialidade de pandeireta e cante, dirixida a maiores de 8 anos, a docente Sabela Olivares farase cargo dos grupos de iniciación e xa iniciados os xoves. Ese mesmo día, os xoves, Lis Latas impartirá o nivel avanzado desta disciplina.
A formación de gaita correrá a cargo do mestre Pepe Vaamonde. O grupo de nenos de 6 a 12 anos, con niveis de iniciación e xa iniciados, terá as súas clases os sábados. Pola súa parte, a formación para adultos abranguerá os mesmos niveis e impartirase os luns e os sábados.
Finalmente, a disciplina de percusión e acompañamento a grupo tamén estará dirixida por Pepe Vaamonde. Os nenos de 6 a 12 anos terán aulas os luns e os sábados, mentres que o grupo de adultos asistirá ás clases os sábados.
As clases comezarán a partir do 15 de setembro e os horarios fixaranse durante a primeira semana. A cuota establecida é de 15 euros ao mes.
O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá dispoñíbel ata o vindeiro xoves 10 (incluído), tanto para quen xa formaba parte da escola coma para novos alumnos.
As persoas interesadas en matricularse poden enviar un correo electrónico á dirección tradxermolos@gmail.com, indicando o nome completo, a idade, o número de teléfono e un correo de contacto.