Xermolos convoca unha nova edición do Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil

TerraChaXa
O prazo para enviar as obras estará aberto ata o próximo 31 de maio e haberá 36 premios nas categorías de debuxo, poesía e prosa
recurso-camara-fotografia
22 Apr 2026

A asociación Xermolos vén de convocar unha nova edición do Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil, que acada xa a súa cuadragésimo sétima edición e consolídase como unha das iniciativas culturais de referencia para a promoción da creatividade entre a mocidade.

O certame está dirixido a alumnado de distintos niveis educativos, desde Educación Infantil ata Bacharelato e Formación Profesional, e contempla diversas modalidades como debuxo, poesía, prosa, murais e tamén representacións musicais ou teatrais. No caso das creacións escritas, a organización establece como requisito que os textos estean redactados en lingua galega, mentres que a temática será libre.

Os traballos poderán presentarse tanto en formato dixital como físico, e deberán incluír os datos identificativos das persoas participantes, así como o seu nivel educativo e centro de ensino. A convocatoria permite a participación tanto a través dos propios centros educativos como de maneira individual.

En canto aos premios, o certame contempla un total de 36 galardóns nas categorías principais de debuxo, poesía e prosa, distribuídos entre as diferentes etapas educativas. Ademais, establécense categorías especiais para outras disciplinas artísticas como o teatro, a música ou o cómic, con catro agasallos en total. Todos os centros participantes recibirán tamén un lote de libros como recoñecemento.

O prazo de entrega dos traballos permanecerá aberto ata o 31 de maio de 2026. A entrega de premios terá lugar o 2 de agosto no marco do Festival de Pardiñas, nun acto que servirá de punto de encontro para celebrar a creación artística e literaria da infancia e da mocidade.

Con esta iniciativa, Xermolos busca fomentar o uso do galego e impulsar a expresión creativa entre as novas xeracións, reforzando ao mesmo tempo o valor da cultura e das artes no ámbito educativo.

0.10877680778503