Xermolos engade á celebración dos seus 50 anos unha representación teatral este domingo

A Asociación Cultural Xermolos convida a veciñanza a participar nunha tarde de teatro este domingo, 15 de novembro, en Guitiriz, cunha representación de Dous no camiño, protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei.
A función terá lugar ás 19.00 horas na Escola Habaneira de Guitiriz e contará con entrada libre.
A actividade enmárcase na programación especial organizada con motivo do 50 aniversario da Asociación Cultural Xermolos, que celebra medio século de traballo a prol da cultura, da lingua galega e da vida no rural.
Desde a entidade destacan que a proposta pretende ofrecer unha tarde para compartir cultura, emoción e encontro coa veciñanza, nunha celebración especial destas cinco décadas de traxectoria.
Esta iniciativa está impulsada pola Xunta de Galicia, dentro do programa O Teu Xacobeo.