Xermolos organizará en Guitiriz un obradoiro divulgativo de baile tradicional con Artur Puga

TerraChaXa
Baixo o título 'O bailar de hoxe a través de maneos e punteadas', a proposta desenvolverase o sábado 23 de maio en dúas sesións diferenciadas
obradoiro-artur-puga
8 May 2026

A Asociación Cultural Xermolos porá en marcha en Guitiriz unha serie de obradoiros divulgativos arredor da música e do baile tradicional galego co obxectivo de promover a aprendizaxe, o entretemento e a divulgación da cultura popular. A primeira destas actividades será un obradoiro de baile impartido por Artur Puga, recoñecido pola súa formación nas ciencias do movemento e pola súa paixón pola tradición galega.

Baixo o título O bailar de hoxe a través de maneos e punteadas, a proposta desenvolverase o sábado 23 de maio en dúas sesións diferenciadas. A primeira terá lugar entre as 10.30 e as 14.00 horas e estará orientada ás persoas que aínda se inician neste tipo de baile. Pola tarde, de 16.30 a 20.00 horas, celebrarase unha segunda sesión destinada a participantes con máis experiencia.

Durante o obradoiro abordarase o baile de foliada co propósito de entender e explorar a comprensión dalgunhas músicas e estruturas propias da provincia da Coruña, afondando tamén na relación entre a música e o baile tradicional.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información e formalizar a inscrición a través do correo electrónico tradxermolos@gmail.com. O prezo xeral da actividade será de 20 euros, mentres que o alumnado terá unha tarifa reducida de 10 euros. As prazas son limitadas.

0.090120077133179