Xestur saca a concurso parcelas en polígonos de sete concellos

TerraChaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia saca a concurso preto de 227.
3 Mar 2024

A Xunta de Galicia saca a concurso preto de 227.000 metros cadrados de solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poñéndoos a disposición das empresas interesadas. O concurso materialízase no anuncio publicado polo Diario Oficial de Galicia (DOG) para a adxudicación de solo empresarial distribuído en 84 parcelas de 17 parques empresariais.

A meirande parte dos parques teñen unha bonificación do 50% -aplicable a todos os parques das provincias de Lugo e Ourense e aos emprazados en Ferrolterra- e o valor total do solo incluído no concurso, a prezo bonificado, rolda os 10 millóns de euros.

O Executivo galego pon así a disposición das empresas preto de 745.000 metros cadrados de solo empresarial pois a estas parcelas propiedade do IGVS engádense os arredor de 518.000 metros cadrados -repartidos en 251 parcelas de 20 parques- do concurso publicado por Xestur Galicia o pasado 13 de febreiro.

As parcelas propiedade do IGVS adxudicaranse en réxime de compravenda e os adxudicatarios estarán obrigados a construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos desde a formalización da compravenda en escritura pública. O prazo das empresas para presentar ofertas polas distintas parcelas estará aberto ata o 27 de marzo.

Concurso de Xestur

O procedemento aberto pola empresa pública Xestur para a adxudicación de 251 parcelas repartidas en 20 parques empresariais -cunha superficie de preto de 518.000 metros cadrados- prevé bonificacións do 50 ou 30% sobre o seu prezo orixinal, dependendo do emprazamento dos mesmos.

Neste caso, o prazo que teñen as empresas para a presentación de ofertas remata o 12 de marzo. As bases do concurso de Xestur e a relación de parcelas ofertadas poden consultarse na web da sociedade.

Na provincia de Lugo van a concurso fincas en Monterroso (con 23 parcelas), Monforte (12), Xermade (8), Lourenzá (6), Taboada (5), Quiroga (3) e Bóveda (2 parcelas).

0.15806078910828