Xosé María López Fernández gaña o XIX Premio de Investigación Ferro Caaveiro co seu estudo sobre o mito fluvial eumés

O investigador pontés Xosé María López Fernández fíxose co primeiro premio da XIX edición do Premio de Investigación Ferro Caaveiro, convocado polo Museo Etnográfico da Capela, polo traballo Economía simbólica da morte no mito fluvial eumés. O recoñecemento pon en valor unha investigación que afonda no patrimonio cultural e na tradición oral da contorna.
O xurado concedeu o segundo premio a Alejandro Castro Márquez polo estudo Estudo sobre os hórreos de Seixas, mentres que o terceiro premio foi para Xosé Carlos Sardiña Rodríguez pola obra Roi Xordo, o home que se alzou contra os Andrade.
Segundo anunciou a organización, os tres traballos premiados publicaranse no número 20 da revista O Retorno, dando así difusión ás investigacións recoñecidas nesta convocatoria.
O Concello das Pontes felicitou a Xosé María López Fernández por este novo recoñecemento á súa traxectoria investigadora e ao seu compromiso coa conservación e divulgación do patrimonio cultural galego. O autor, que na súa faceta de escritor de ficción asina tamén como X. M. Ferro Formoso e cuxa última novela foi Terror Mortis, recibe así un novo recoñecemento polo seu labor arredor da memoria, a historia e a identidade da terra.
Desde a organización agradeceron tamén a participación de todas as persoas que presentaron traballos a esta edición do premio e trasladaron os seus parabéns aos tres galardoados.