Xunta e Concello de Outeiro de Rei traballan nun plan de impulso do emprego

LugoXa | TerraChaXa
Nunha xuntanza, analizaron entre outras cuestións, o desenvolvemento dos obrandoiro compartidos
reunion-xunta-concello-outeiro-de-rei-emprego
19 Jan 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta semana unha xuntanza co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, para avanzar na colaboración que mantén o Goberno galego con este concello lucense. Neste sentido, analizaron o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual e o do programa integrado de emprego dos que se beneficia este concello.

En relación co obradoiro dual ao que está asociado Outeiro de Rei, denomínase Camiño da Chaira VIII e é compartido cos municipios de Castro de Rei -entidade promotora- e Cospeito. Recibiu unha axuda de case 412.000 euros no marco da convocatoria de 2024, beneficia a 20 persoas desempregadas e está centrado en actuacións auxiliares en revestimentos continuos en construción, de acabados ríxidos e urbanización e operacións de gravación e tratamento de documentos.

Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de iniciativas coma esta para dar soporte sectores como o da construción con demanda de man de obra, xa que estes obradoiros son específicamente deseñados para atender as necesidades do tecido produtivo de cada contorna. Deste xeito, tras a formación recibida, os participantes contan con mellores opcións para a súa inserción laboral en empresas da zona.

En canto ao programa integrado de emprego, este municipio ten en marcha un que recibiu unha axuda autonómica de 220.000 euros e que tamén abarca aos concellos de Rábade, Friol, Begonte, Cospeito, Castro de Rei, Abandín e Mondoñedo. Esta iniciativa beneficia a 100 persoas dos oito municipios, que pertencen a colectivos con especiais dificultades de acceso a un posto de traballo e que reciben formación para o emprego coa posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas.

0.16732811927795