Xunta e Concello de Pastoriza abordan novas vías de colaboración para mellorar os servizos e infraestruturas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Pastoriza, Darío Cabaneiro, no que se analizaron distintas actuacións de colaboración entre a Administración autonómica e o Concello.
Na reunión, celebrada en San Caetano, tamén participou o director territorial da Consellería en Lugo, Marco Antonio Fernández Piñeiro. Durante o encontro abordáronse diferentes necesidades do municipio e posibles vías de cooperación para impulsar actuacións en materia de infraestruturas e espazos públicos.
Entre as cuestións tratadas figuran a mellora das vías municipais, a reparación das antigas escolas e actuacións no campo da festa de Rigueira. Tamén se puxo sobre a mesa a rehabilitación da cuberta, da vivenda e dos baños da antiga casa do cura de Álvare.
Estas intervencións forman parte das necesidades trasladadas polo Concello no marco da procura de apoio por parte da Xunta para acometer melloras en distintos puntos do municipio.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sinalou que mantén as liñas de colaboración cos concellos para desenvolver actuacións destinadas a mellorar as condicións dos espazos e servizos municipais e contribuír á calidade de vida da veciñanza.
O encontro permitiu así revisar os proxectos de interese para Pastoriza e avanzar na coordinación entre ambas as administracións para a súa posible execución.