Xurxo Souto presentará o seu libro 'Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta'

LugoXa | TerraChaXa
O acto de presentación terá lugar na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei este sábado, 16 de novembro, ás 19.00 horas
Xurxo-Souto-libro-'Somos-un-pobo-de-artistas'
15 Nov 2024

O músico e escritor Xurxo Souto estará este sábado, 16 de novembro, na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei para presentar o seu último traballo 'Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta'.

A iniciativa, que será ás 19.00 horas, con entrada libre até completar o aforo, contará con algunha cantarela interpretada polo propio artista.

O libro, editado por Xerais, fai unha viaxe pola música galega contemporánea, collendo como referencia o libro de Luísa Villalta 'O outro lado da música, a poesía' (1999) e tratando de demostrar o carácter inseparable da música e a poesía, ao tempo que propón unha revisión na forma en que se educa sobre estes dous mundos que se acostuman separar.

Ademais, o libro titula un dos seus capítulos 'Cando Manuel María inventou a música galega', onde o autor salienta como a música é unha constante na creación de Manuel María e como o escritor da Terra Chá estivo na reconstrución da identidade sonora de Galicia de finais dos anos sesenta e principios de setenta.

A actividade é de acceso libre, mais haberá que facer reserva a través do mail contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698 177 621.

0.16245412826538