A estela de Bascuas

TerraChaXa
Como xa apuntamos noutras ocasións, o reaproveitamento de bens patrimoniais para a construción de outros novos foi unha práctica xeralizada durante séculos, un hábito directamente relacionado coa inexistencia da concepción de patrimonio e vinculada á súa vez cos cambios sociais, culturais e ideolóxicos dos distintos períodos da historia.
Míriam Fernández
12 Sep 2017

Como xa apuntamos noutras ocasións, o reaproveitamento de bens patrimoniais para a construción de outros novos foi unha práctica xeralizada durante séculos, un hábito directamente relacionado coa inexistencia da concepción de patrimonio e vinculada á súa vez cos cambios sociais, culturais e ideolóxicos dos distintos períodos da historia.

Este aproveitamento, afortunadamente hoxe en día impensable, formou parte do noso proceso evolutivo cultural e artístico, o cal, a pesar de estar incorrendo na destrución dun elemento cultural anterior, fálanos tamén do interese que seguiron suscitando moitas destas pezas, conservadas pola súa beleza e singularidade.

Neste caso centrámonos na estela funeraria galaicorromana que se atopa na igrexa da Nosa Señora de Bascuas, en San Salvador de Parga (Guitiríz). Neste lugar o monolito foi reutilizado para unha función ben distinta, pasando a formar parte dun dos santuarios romeiros máis coñecidos do municipio (con chaves ás que se lles atribuía o poder de curar enfermos da rabia), o cal comparte hoxe en día a súa función coa de museo de arte sacro e popular.

Do santuario sabemos que en orixe foi unha capela que se construíu en tempos do románico, e que os señores de Baamonde e Guitiríz patrocinaron a súa ampliación, dotándoo dun novo tramo lonxitudinal para atender as diversas necesidades dos peregrinos. O edificio preséntasenos cunha planta rectangular na que se observa claramente o anexo posterior, xa que a antiga fachada quedou oculta e deu paso a un pórtico lateral, mentres que o campanario foi desviado cara o mesmo lado para permitir a unidade da cuberta. No seu interior é onde atopamos a estela funeraria, colocada a xeito de lintel na porta que comunica a nave principal da capela coa sancristía.

Unha estela funeraria para nada tería tal función, pois trátase dun monumento monolítico conmemorativo a través de imaxe e texto, que se fincarían no chan de xeito vertical marcando o lugar onde estaba enterrado o defunto. Este fito marcaba un lugar sagrado, á vez que a nova concepción espacial: o máis alá. A decoración variaba segundo as posibilidades económicas, mostrando distintos tipos de remates superiores (rectangular, semicircular ou triangular), imaxes do defunto, símbolos xeométricos, arcos, astros, etc.; decoradas incluso por ámbalas dúas caras.

A estela das Bascuas, datada do século III d.C., mantén a súa forma rectangular, aínda que o feito de estar embutida na parede non se nos permite apreciar que tipo de remate superior tería nin tampouco se foi modificada para colocala de tal xeito. Nela podemos apreciar a dobre división característica, un espazo enmarcado para a figuración e outro para o epígrafe. Na figuración distinguimos a representación do sol, acompañado simetricamente por dous círculos e coroado pola lúa, mentres que na parte inferior apreciamos dous arcos que, nestes casos, se identifican coas portas do máis alá. Baixo a figuración atopamos a inscrición latina: “D(iis) M(anibus) S(acrum)/SEVERI/NA AN/NO(rum) XCI (nonaginta unius)”; “Consagrada aos deuses Manes, Severina morta á idade de 91 anos”.

Os familiares da defunta consagrarían a estela a estes deuses romanos vinculados co máis alá para que velasen pola súa alma, co desexo de perpetuar a súa memoria nun lugar especial. Posiblemente outras estelas acompañasen á de Severina, e o feito de ser un lugar sagrado influíu na construción da capela en épocas posteriores.
O que si sabemos con seguridade é que a Estela de Bascuas é en si mesma un fito representativo da historia deste concello chairego, o cal é un dos que máis restos conserva da época da conquista romana.

Miriam Fernández


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17511010169983