Clausurado o obradoiro de emprego Santa Isabel

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na entrega de diplomas aos 19 participantes que completaron a súa formación no obradoiro de emprego Santa Isabel III, acto que contou tamén coa asistencia dos alcaldes dos municipios promotores: José Pardo, de Outeiro de Rei; Armando Castosa, de Cospeito, e Francisco Javier Balado, de Castro de Rei.

Balseiro explicou que a iniciativa foi posible grazas a unha achega de 280.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e apuntou que durante os nove meses de aprendizaxe os participantes realizaron traballos cartográficos no concello de Outeiro de Rei e melloraron diversos espazos públicos tanto en Cospeito como en Castro de Rei.

No primeiro dos concellos citados impartiuse a especialidade de Levantamentos e replanteos a cinco alumnos traballadores, que realizaron o cartografado dixital do inventario municipal de edificios, parcelas e redes de auga e saneamento.

En Castro de Rei, os sete participantes aprenderon a especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, e traballaron no acondicionamento dos locais sociais de Bendia e Val de Campos e Ramil.

Polo que respecta aos sete alumnos de Cospeito, formáronse en Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión e aplicaron os coñecementos adquiridos en varias obras de iluminación no concello: no Centro de atención á infancia, o miradoiro, centro de saúde, centro de día, centro de feiras e o de interpretación en Feira do Monte. Igualmente, instalaron nova iluminación no campanario da igrexa-ermida Nosa Señora do Monte e reformaron a instalación eléctrica na escola de Támoga.

O delegado destacou que os obradoiros ofrecen aos participantes formación e experiencia laboral, polo que supoñen unha oportunidade para reorientar a súa traxectoria profesional, e que ademais realizan importantes obras e servizos en infraestruturas e dotacións municipais.

Lembrou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.

Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Entre as principais novidades cabe destacar que poden actuar como promotores de obradoiros duais as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións, e que terán prioridade os obradoiros forestais e os vinculados ao Camiño de Santiago. Ademais, os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade ampliarán a duración de seis a nove meses.

Etiquetas