O Risga cubre a 17 traballadores chairegos máis

A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a contratación de persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) a todos os concellos da provincia de Lugo que o solicitaron e que cumprían os requisitos esixidos.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería resolveu recentemente unha ampliación dos recursos asignados a este programa que suporá un investimento de 355.730 euros para a contratación de 38 traballadores máis: 10 en Monforte de Lemos e Vilalba; 5 en Burela; 4 en Outeiro de Rei; 3 en Quiroga e Begonte; 2 en Palas de Rei e 1 en Guntín.

En total, estas achegas permitirán a 35 concellos da provincia de Lugo incorporar aos seus cadros de persoal durante sete meses a 154 traballadores, que pasarán de cobrar a Risga a integrarse no mercado laboral.

O investimento global na provincia é de 1.352.300 euros. Todos aqueles concellos que cumprían os criterios requiridos obteñen así financiamento para contratar á totalidade do persoal que solicitaron.

O obxectivo inmediato da Xunta é proporcionar experiencia profesional a persoas desempregadas de difícil inserción laboral ou en risco de exclusión social. “Pretendemos evitar que se cronifique a súa situación de exclusión laboral”, destacou Balseiro.

O programa tamén axuda ás facendas locais, incrementando o cadro de persoal dos concellos con novos traballadores que pasan a desempeñar labores en distintos servizos de interese xeral e de competencia municipal. Os salarios deste persoal son sufragados integramente pola Xunta.

Ao igual que en convocatorias anteriores, terán prioridade para beneficiarse dos contratos as persoas que teñan asignado un proxecto de inserción laboral, os maiores de 45 anos e as persoas con cargas familiares.

Etiquetas