Skip to main content
ActualidadeLugo

O PSOE insta de novo á Xunta á instauración de Hemodinámica 24 horas en Lugo

Por 25 Novembro, 2018Sin comentarios

A deputada socialista Concepción Burgo reclamoulle hoxe ao goberno galego que cumpra co compromiso de Feijóo de instaurar o servizo de Hemodinámica 24 horas en Lugo, a provincia coa mortalidade por infarto máis alta de Galicia segundo datos oficiais de Sanidade. Burgo presentou unha pregunta oral para reclamar este servizo que fora comprometido para o ano 2011 e que xa suma un retraso de 8 anos.

A responsable socialista advertiu que “tódolos datos, opinións e recomendacións dos especialistas proban a necesidade deste servizo”, e mesmo o xefe de Cardioloxía do Hospital Lucus Augusti apunta que co horario actual quedan fora unha terceira parte dos pacientes que o necesitan. Cada ano, un total de 550 enfermos de infarto non poden ser atendidos a tempo cunha anxioplastia primaria e teñen que ser desprazados a Coruña ou Santiago.

Estes traslados incrementan o tempo de atención a estes pacientes, básico á hora de garantir a supervivencia dos pacientes, tal e como revelan os datos do goberno galego. O limiar máximo para ser atendidos é de 120 minutos, 35 minutos menos da media de Lugo, que se eleva a 155 minutos, mentres en Santiago sitúase en 103 minutos.

A situación reflíctese cunha maior mortalidade en caso de infarto, que é dunha media dun 3,6 por cento en toda Galicia, entre o 2,9 de Santiago, a máis baixa, e o 4,6 de Lugo. Burgo cualificou de “rastreiro” que o conselleiro de Sanidade se vanagloriara hoxe de que a pesares da situación actual, a mortalidade estivera por debaixo do 5 por cento recomendado.

Censurou que “non queiran salvar a pacientes” mentres as cifras de mortalidade se sitúen por debaixo do 5 por cento, evidenciando unha “alarmante falla de vontade política”, e reclamoulle ao conselleiro a “comprometerse a abrir Hemodinámica as 24 horas en Lugo, e se comprometa a non anuncialo nas eleccións locais” para evitar un “uso electoralista” dun servizo básico.