CC.OO. afirma que os datos do paro rexistrado confirman a ralentización do mercado laboral galego

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia considera que os datos do paro rexistrado do mes de xaneiro de 2019 confirman a ralentización do mercado laboral galego. A secretaria de Emprego, Maica Bouza, lamenta que, unha vez máis, Galicia comece o ano «á cola de España», circunstancia que atribúe á «fraxilidade do noso tecido produtivo», caracterizado pola estacionalidade e a precariedade.

Segundo a voceira de CCOO, Galicia medra e crea emprego precario, principalmente en actividades estacionais de baixo valor engadido que dependen do calendario e da conxuntura económica. «En canto varía algún deses factores, o emprego creado desaparece, como aconteceu en xaneiro polo remate da campaña de Nadal».

A secretaria de emprego de CCOO lamenta que en Galicia se estea a consolidade este modelo precario, no que «mes tras mes, os postos de traballo creado teñen data de caducidade». É o que aconteceu en xaneiro, onde nove de cada dez contratos rexistrados foron temporais. «Isto provoca que Galicia non sexa un lugar atractivo nin nin para desenvolver un proxecto de vida nin para atraer investimentos empresariais. A continuada caída da poboación activa e os datos de captación de investimento así o indican», apunta Bouza.

En opinión da sindicalista, Galicia «precisa un proxecto de país». Neste sentido, considera que unha Estratexia de Dinamización Demográfica non resolve por si soa nin a caída de poboación, nin o avellentamento dun territorio.

A secretaria de Emprego de CCOO propón outro modelo de desenvolvemento, que aposte por un tecido produtivo que non sexa obsoleto, que cree emprego de calidade, con servizos públicos para favorecer a conciliación persoal, familiar e laboral e mellorar a calidade de vida da cidadanía e con infraestruturas físicas e tecnolóxicas que acompañen. «Persistir na actual politica do Partido Popular converterá a Galicia nun deserto empresarial e nun xeriátrico», conclúe Bouza.

Paro rexistrado

No mes de xaneiro subiu o paro rexistrado tanto en Galicia (5.505 persoas paradas máis ca no mes anterior) coma na media estatal (83.464 persoas paradas máis). Non obstante, en proporción, a suba é maior na nosa comunidade (+3,25 %) ca na media do Estado (+2,61 %). A suba tamén é superior á rexistrada un ano antes: un 3,25 % en Galicia fronte ao 2,63 % estatal. Polo tanto, o número de persoas en paro na comunidade autónoma sobe ata as 174.800 (75.186 homes e 99.614 mulleres); dese total, 8.234 son menores de 25 anos.

Con todo, a caída da poboación activa maquilla as estatísticas do paro, xa que este mes se destruíu máis emprego (13.737 afiliacións menos á seguridade social) do que subiu o paro (5.505 persoas paradas máis). O incremento do paro rexistrado é máis acusado nas mulleres ca nos homes (3.702 paradas máis fronte a 1.803 parados máis) e, por grandes grupos de idade, hai 376 persoas paradas máis menores de 25 anos (+4,78 %) e 5.129 máis maiores desa idade (+3,18 %).

O paro rexistrado sobe, sobre todo, nos servizos (5.537 persoas paradas máis, un 4,86 %), na agricultura rexístranse 76 persoas paradas máis e na industria 13 máis. Pola contra, baixa no colectivo sen emprego anterior (118 persoas paradas menos) e permanece practicamente estancado na construción (só 3 persoas paradas menos).

En termos anuais, continua baixando o paro rexistrado: 15.086 persoas paradas menos ca hai un ano, o que supón un descenso do 7,94 % (fronte ao –5,49 % na media estatal). Malia esa evolución positiva, ese descenso do paro tamén é inferior ao rexistrado un ano antes: un –7,94 % fronte a un –10,46 %

Contratación

En proporción, medrou máis o número de contratos indefinidos ca o de temporais tanto na comparación mensual como na anual. Non obstante, a contratación está marcada pola precariedade: no mes de xaneiro rexistráronse 82.401 contratos e deses 74.203 foron temporais (o 90 % dos contratos formalizados).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social retrocedeu en Galicia e na media estatal, pero na comunidade autónoma diminuíu con máis forza: 1,37 % en Galicia fronte ao 1,08 % na media estatal. En xaneiro había 992.370 afiliacións á seguridade social fronte a 1.071.476 once anos antes. No mes de xaneiro perdéronse 13.737 afiliacións en relación co mes anterior e, por réximes, 11.518 afiliacións pertencían ao réxime xeral (–1,49 %), 1.360 ao de autónomos (–0,64 %) e 860 ao do mar (–4,02 %).

En termos anuais, a ocupación en Galicia segue avanzando menos ca na media estatal. Na nosa comunidade hai 18.909 afiliacións máis á seguridade social ca hai un ano, o que equivale a unha suba do 1,94 % fronte ao +2,94 % na media estatal.

Prestacións por desemprego

A protección contra o desemprego mantense en niveis baixos. En decembro de 2018 estaban rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego 155.188 persoas paradas con experiencia laboral, e só o 57,4 % percibían unha prestación por desemprego. Malia que no 2018 mellorou algo a calidade das prestacións por desemprego, as contributivas en decembro de 2018 aínda representan só o 47,5 % do total fronte ao 52,5 % das asistenciais

Así pois, a distribución das prestación por desemprego segundo o tipo é a seguinte: 42.300 persoas percibían unha prestación contributiva (47,5 % do total), 39.179 un subsidio por desemprego (44,0 %), 7.576 a renda activa de inserción (8,5 %) e 28 correspondían ao programa de activación de emprego.

Etiquetas