CCOO inicia unha campaña para informar á mocidade que fai prácticas en empresas

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou unha campaña para informar os bolseiros e bolseiras dos seus dereitos e frear situacións abusivas. «Tes bolsa ou tes traballo?» é o lema da iniciativa, dirixida aos preto de 34.000 mozos e mozas que actualmente fan algún tipo de prácticas na comunidade autónoma, con especial interese nos case 20.000 que realizan prácticas non laborais sen remuneración.

O secretario de Xuventude de CCOO, Omar Ceveira, sinalou que achegar o sindicato á mocidade é unha tarefa «estratéxica» da organización, que a enfoca sobre todo na loita a precariedade. Esta precariedade ten «dúas vertentes moi marcadas».

Unha é a que se dá no ámbito estritamente laboral —rotación, baixos salarios e contratos temporais ou a tempo parcial—. A outra abrangue todo o camiño que discorre entre que un mozo ou moza desde que remate os estudos ata que asina o primeiro contrato. Este tránsito faise, na meirande parte, mediante prácticas non laborais. «Malia que non teñan unha relación laboral, iso non significa que non haxa unha normativa que cumprir», apuntou Ceveira.

Desde hai máis dun ano, Comisións traballa coa Guía de bolseiros e aprendices nas universidades e centros de FP, para informar dos seus dereitos as persoas que acceden ás prácticas após remataren os estudos. A raíz diso «constatamos moitos casos de persoas cuxas condicións non eran respectadas», sinalou Ceveira. Por iso nace esta nova campaña, para chegar «á mocidade que está sendo explotada, facendo o traballo dunha persoa asalariada, sen titor ou un cometido que non ten a ver cos estudos que realizou», salientou o sindicalista.

A falta de estatísticas dificulta actuar

Pola súa parte, a secretaria de Emprego, Maica Bouza, lembrou que estas situacións, que «son ou poden ser irregulares», non aparecen nas estatísticas. Esta é unha das principais dificultades con que se atopa o sindicato, por iso, unha das reivindicacións de CCOO é a creación dun censo que recolla todas as mozas e mozos que fan prácticas —especialmente no caso das non laborais—, porque «é a maneira de poder actuar de xeito eficaz e visibilizar o colectivo».

A nivel confederal, CCOO propúxolle ao Goberno a creación dun estatuto do bolseiro. O Executivo presentou unha proposta «que non é máis ca unha primeira análise da situación», aclarou Bouza. Segundo os seus cálculos, en Galicia hai ao redor de 34.000 mozas e mozos facendo algún tipo de prácticas. O groso desta cifra serían ao redor de 20.000 persoas que realizan prácticas non laborais sen remuneración. O resto serían ao redor de 4000 que fan prácticas remuneradas e 9800 mozas e mozos que no último ano fixeron prácticas con contrato de formación e aprendizaxe —este último dato si está plenamente contrastado.

Fraude nas prácticas

Segundo Bouza, a principal fraude que se comete coas prácticas é que se afastan da finalidade para a que foron concibidas: acompasar a formación teórica dunha formación práctica, cun itinerario formativo. «Moitas veces o que acontece é que as persoas en prácticas fan traballos non relacionados coa súa formación, carecen de titor ou titora, non obteñen ao final un certificado que detalle as funcións realizadas ou, directamente, están a cubrir persoal que deixou unha vacante», censura a sindicalista.

Por esta razón, no marco da campaña «Tes bolsa ou tes traballo?», CCOO fará actuacións concretas en centros de FP, en universidades e entidades coas que asinan convenios, pero tamén grandes Concellos, mancomunidades ou consorcios.

Etiquetas