Xunta e asociacións do rural sensibilizarán sobre a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asinou hoxe tres convenios de colaboración en materia de violencia de xénero coas presidentas da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Rosa Arcos; da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), Isabel Garrido; e da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, Verónica Veres.

Os acordos teñen como obxectivo o desenvolvemento de accións de sensibilización e formación no eido da violencia de xénero, incluídas ás mulleres das asociacións que integran as tres federacións anteriores, así como a posta en marcha de medidas de apoio ás vítimas desta lacra, e aos seus fillos e fillas.

Ademais destes convenios, o Goberno galego apoia ás asociacións e federacións de mulleres sen ánimo de lucro a través de distintas liñas de axudas destinadas á consolidación do movemento asociativo e á promoción de actividades de concienciación sobre a igualdade entre homes e mulleres.

A secretaria xeral da Igualdade destacou que a Xunta tamén aposta e fomenta o liderado feminino no sector rural e da pesca na nosa comunidade mediante o VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, un proxecto que apoia ás mulleres na incorporación ás estruturas de decisión en tódolos ámbitos.

López Abella destacou o importante papel que xogan as tres federacións que asinaron hoxe os convenios de colaboración coa Xunta para visibilizar o traballo das mulleres do rural e do mar e para reforzar o seu empoderamento a través da defensa dos intereses profesionais das súas asociadas.

Etiquetas