Skip to main content
Actualidade

A Deputación prioriza a contratación de menores de 35 e maiores de 50 co novo plan de emprego

Por 22 Outubro, 2018Sin comentarios

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres sobre os prazos de solicitude e as bases do Tecendo Emprego, o novo e pioneiro plan laboral do Executivo na provincia polo seu destacado tinte social, que dotou de 1,7 millóns.

Santos Ramos avanzou que dende hoxe e ata o 2 de novembro incluído ás máis de 130 asociacións sociais que hai na provincia e ás que vai dirixida esta programación poden solicitar axudas de entre 18.000 euros e 24.000 euros coas que asumir durante 1 ano a contratación de desempregados lucenses. Estes incorporaranse ás súas plantilla para reforzar a súa actividade social en prol da defensa de veciños con maiores necesidades.

O voceiro destacou que se prioriza a contratación de lucenses menores de 35 anos e sen experiencia laboral e as de maiores de 50. Os colectivos sociais que soliciten estes perfís acadarán unha puntuación maior na valoración de solicitudes, ao igual que aqueles que opten pola contratación de lucenses con capacidades diferentes con independencia da súa idade e traxectoria profesional. Tamén acadarán máis puntos as asociacións que ofrezan contratos fixos, xornadas completas, medidas de conciliación familiar e laboral, formación…entre outras melloras laborais.

Cada asociación poderá contratar co Tecendo Emprego un máximo de 2 traballadores co obxectivo de beneficiar ao maior número de colectivos sociais. Tendo en conta os fondos deste plan, poderanse asumir os custos salariais duns 80 lucenses hoxe en paro.

Os obxectivos de Tecendo Emprego son axudar ao 30% de lucenses que se atopan en situación de vulnerabilidade, ofrecéndolles unha oportunidade laboral; e multiplicar o resultado da actividade que levan a cabo na provincia os colectivos sociais precisamente na defensa destes veciños, dende unha Deputación coas persoas, social e rural.

A previsión é resolver a selección de colectivos beneficiados a finais de ano para seguidamente iniciar o proceso público de selección de traballadores e que estes se poidan incorporar aos seus novos postos de traballo no primeiro trimestre de 2019.

As entidades que desexen participar no Tecendo Emprego deberán facer a súa solicitude a través da sede electrónica da Deputación, na que é preciso dispor de firma dixital. Todas as comunicacións posteriores, sobre requirimentos, novos prazos ou solicitude de información, tamén se realizarán dende o taboleiro que dispón este espazo electrónico.