Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Os socialistas urxen á Xunta a exercer as súas competencias na prevención da chegada da peste porcina

Por 7 Setembro, 2019Sin comentarios

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, esixiulle ao goberno galego que “exerza as súas competencias” para a prevención da chegada da peste porcina. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento para urxirlle ao goberno galego que tome tódalas medidas posibles para garantir a bioseguridade da cabana porcina galega.

Pérez Seco advertiu que a peste porcina foi detectada en Europa no ano 2007 e hai xa 10 países afectados, o último deles Bélxica. A entrada da enfermidade prodúcese, explicou, a través de vehículos de transporte con animais infectados, que supoñen o 24 por cento dos casos de propagación, pero tamén a través de especies salvaxes coma o xabaril, que “non coñecen de fronteiras” e dificultan o control dos seus movementos.

O parlamentario socialista reclama o aumento dos esforzos de vixilancia para conseguir unha atención temperá e o control por compartimentación -de forma que as granxas manteñan a bioseguridade coas súas propias fábricas de penso, matadoiros, transportes ou incineradoras- fronte ao actual sistema por zonificación, vulnerable á entrada de xabarís infectados.

Lembra que o goberno galego ten a competencia na execución do programa de prevención no territorio galego, a realización de campañas informativas, ou as probas serolóxicas correspondentes. Por iso reclámalle á Xunta que explique que medidas preventivas está a tomar, que realice un censo de xabarís e a posta en marcha de campañas informativas sobre este problema.