Skip to main content
ActualidadeColaboracións TERRACHÁXA

Son chairego, son cubano

Por 10 Setembro, 2019Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Moncho Paz

O meu avó Mario Xosé marchou cara a Cuba en decembro de 1922, collendo un barco na Coruña para reunirse co seu irmán maior, Xosé María, que traballaba de estibador no porto da Habana. Fixo coincidir a viaxe coa da súa irmá María Xosefa e o seu home, Xeneroso Yáñez Balsa, que deixaban a parroquia de Santaballa co seu fillo Néstor, de dous anos de idade, e cunha nena en camiño, que nacería o 6 de xaneiro de 1923 na Habana e á que chamarían Clara. Na illa caribeña terían outra parelliña, Anxo e Consuelo.

Cuba vivía anos de prosperidade. A economía crecera rapidamente durante as dúas primeiras décadas do século e centrábase de modo case exclusivo no azucre e nas relacións mercantís con Estados Unidos. Os capitais norteamericanos establecidos na illa eran os principais beneficiarios do crecemento, posto que controlaban o setenta por cento da produción azucareira, ademais da súa infraestrutura e os negocios colaterais. Neste contexto, Mario Xosé comezou a traballar en 1923 como mozo de almacén no porto da Habana, participando nas constantes cargas e descargas de mercadorías para distintas compañías do sector, como Central Carmita S.A. e Central Siboney-Camagüey S.A. Porén, unha doenza lumbar con hernia discal, consecuencia do extremado esforzo no traballo e a súa ansia de gañar cartos para regresar a Vilalba, rematou por obrigalo a buscar outro oficio.

Foi entón cando aceptou a oferta laboral do seu cuñado Xeneroso, que no ano 1925 era propietario dunha pequena lavandería no distrito de Centro Habana, un local que co paso do tempo converteríase nunha grande tinturaría e que daquela xa contaba cunha carteira de selectos clientes, entre eles o cabaret Tropicana e a residencia do presidente da República. A vida transcorría entre o traballo no negocio familiar e as festas organizadas pola Liga Santaballesa, San Simón e Samarugo no Centro Galego. Outras entidades da Terra Chá integradas na Agrupación de Sociedades Galegas na Habana que tamén frecuentaban eran Roupar e Lousada, Progreso de Lanzós e Unión Villalbesa y su comarca.

Hai outra Galicia, a que os fillos da emigración recrean na súa mente a través da morriña dos seus pais, das historias que lles contaban da terra e das tradicións e festas celebradas na distancia, como as de San Ramón e Santa María de Vilalba ou as de San Pedro de Santaballa. Sentíanse coma na casa cando nos intres de lecer acudían ao Centro Galego, auténtico lugar de acollida de todos os emigrantes que partiron cara a Cuba dende distintos puntos da nosa xeografía; alí convocábanse as xuntas das distintas sociedades galegas, coma as sinaladas anteriormente.

Cando o lugar de orixe é contemplado dende a distancia, a ollada perde a súa capacidade para o xogo. O emigrante comparte co exiliado a condición de “expulsado do paraíso”, un desarraigo doloroso que impide o romanticismo. No caso do exiliado porque o que se deixou detrás está en perigo e unha anomalía impide a súa residencia no lugar natural; e no caso do emigrante porque elixe o exilio ante a posibilidade dun destino pouco prometedor.

En 1923 o Goberno do liberal Alfredo Zayas manexaba o destino dos cubanos, a illa gozaba dun apoxeo económico e unha relaxación de costumes. É dicir, Mario Xosé e a súa familia están a vivir agora nunha terra oposta á súa Vilalba natal, onde as liberdades individuais se manexan noutros códigos, bastante máis tradicionais. Malia todo séntense ben acollidos, pois a historia revolucionaria de Cuba permite aos seus habitantes definir ben o seu lugar no mundo. As xuntanzas no Centro Galego (fundado en 1870 co obxecto de crear unha escola para os emigrados na illa, antes de que Cuba deixase de ser colonia española) alimentaban a idea da soñada Galicia dende o sentir do exilio, que supón todo un termómetro para medir a saudade. A influencia dos galegos en Cuba durante a primeira metade do século XX foi notable; con posterioridade á posta en marcha do Centro Galego, fundaron a Quinta Benéfica e no ano 1907 mercaron o teatro Tacón e uns terreos lindantes ata completar a superficie onde se construíu finalmente o actual edificio.

A lembranza da infancia e da adolescencia de Mario Xosé en Vilalba confúndese deste xeito coa realidade desa época na Habana. Mais non é o único en experimentar algo así, hai que ter en conta que o Centro Galego chegará a ter máis de sesenta mil socios, que por un peso e oitenta centavos mensuais tiñan dereito á escolarización dos fillos, menciñas e asistencia sanitaria, cirurxía incluída. O terruño real da familia Paz é unha Galicia que só podía existir en Cuba, ordenada polo traballo na lavandería e polas festas no Centro Galego. Os anos na illa foron determinantes para Mario Xosé e os seus irmáns, como veremos na próxima entrega de #ACasaDosMarios.